Unha única empresa, Limpiezas Cíes radicada na cidade de Vigo, será a encargada do servizo de limpeza dos 51 centros dependentes da Deputación de Pontevedra. A Xunta de Goberno da institución provincial adxudicoulle este contrato, valorado en case 460.000 euros.
Coa unificación das contratas dos seus 51 edificios a unha sola empresa, a institución provincial asegura aforrar 27.755 euros en relación ao custe que a limpeza dos devanditos centros supuxo o ano pasado, 487.555 euros, e obtén, a maiores, importantes melloras nos novos servizos ofertados pola empresa que resultou adxudicataria.
En concreto, estas melloras son a recollida selectiva de lixo, a limpeza de graffitis e o subministro e reposición do material consumible de aseos e o subministro ou reposición dos dispensadores que funcionen de xeito incorrecto ou estean danados. Só este último punto, supuxo o ano pasado un custe de 100.000 euros.
Outras melloras obtidas son a recollida e reposición de contedores hixiénicos nos aseos, o servizo de desinfección, desinsectación e desratización e a dotación doutros bens, así como un servizo de emerxencias dispoñible as 24 horas.
PAPEL DINAMIZADOR DA DEPUTACION
Este novo contrato súmase ao "papel de dinamizador económico" que segundo Rafael Louzán exerce a Deputación de Pontevedra. Sinalou que ao longo de 2013 contratáronse obras ou subministracións con preto de 2.500 empresas, o que supuxo un volume de negocio próximo aos 100 millóns de euros.
Rafael Louzán incidiu en que estes datos demostran que a Administración Provincial non cesou na súa actividade, senón que mantén un destacado esforzo inversor "que xera recursos económicos para a provincia", ao tempo que "contribúe de forma notable ao mantemento da actividade de moitas empresas e á xeración de emprego".