Unha última semana de maio con temperaturas altas e ceos despexados

Pontevedra
25 de maio 2015

A última semana do mes de maio preséntase sen grandes cambios meteorolóxicos segundo a previsión de MeteoGalicia que prevé ceos pouco anubrados e temperaturas altas. A partir do venres o tempo experimentará un cambio con respecto á semana, descendendo as temperaturas e a sensación de calor

Posta de sol na illa de Tambo
Posta de sol na illa de Tambo

O sol seguirá brillando durante a última semana de maio nas Rías Baixas. Ceos despexados e temperaturas moi agradables será a liña xeral que marca esta semana segundo a previsión de MeteoGalicia.

Durante o luns as altas presións que continúan ao norte dos Azores seguirán entrando en forma de cuña sobre a península Ibérica. Deste xeito predominarán os ceos pouco anubrados ou despexados, con algunhas nubes de tipo alto. As temperaturas non terán cambios moi significativos con respecto á fin de semana roldando os 27 graos de máxima e os 14 de mínima. Os ventos soprarán de compoñente norte, tendendo a ser máis intensos pola tarde, cando soprarán moderados en xeral, con intervalos fortes no litoral atlántico.

A xornada do martes transcorrerá sen moitos cambios meteorolóxicos en Galicia, que se manterá baixo influencia anticiclónica con ventos moderados de compoñente norte. Os ceos pouco anubrados ou despexados, con algunhas nubes de tipo alto seguirán marcando o panorama das Rías Baixas que manterá tamén as temperaturas altas.

O mércores continuará marcado pola influencia anticiclónica cun tempo moi estable e un descenso na intensidade do vento. Aos ceos pouco anubrados ou totalmente despexados hai que sumarlle un aumento das temperaturas que alcanzarán os 28 graos de máximas e unha sensación térmica de calor máis evidente debido á intensidade frouxa ou moderada do vento, que estará a soprar de compoñente norte na zona de Pontevedra.

A situación meteorolóxica do xoves transcorrerá sen grandes cambios con respecto ás anteriores xornadas. A cuña anticiclónica que seguirá entrando dende os Azores favorecerá os ceos pouco anubrados ou despexados. Os ventos frouxos soprarán dende o nordés e as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso acompañadas novamente con sensación de calor principalmente pola tarde.

A partir do venres a influencia anticiclónica comezará a debilitarse polo que o tempo será máis variable. Alternaranse días de poucas nubes e sen chuvias con outros onde a probabilidade de chuvia se incrementará lixeiramente. As temperaturas tenderán a descender de forma moderada recuperando uns valores normais para a primavera. Aínda que segundo a previsión de MeteoGalicia non descenderán dos 23 graos de máxima nas Rías Baixas.