Unha tixola e unha fritideira ao lume provocan senllos incendios en Vilagarcía e Combarro

Poio
20 de agosto 2019

En Vilagarcía, un descoido na cociña dun inmoble provocou un incendio na vivenda e obrigou a trasladar a unha persoa por mor dunha posible intoxicación por inhalación de fume. Segundo puido saber o 112 Galicia, o lume empezou por unha tixola ao lume

Equipamento dos bombeiros
Equipamento dos bombeiros / Mónica Patxot

Os servizos de emerxencia acudiron sobre as once da noite deste luns a dúas intervencións practicamente simultáneas en Vilagarcía e Poio por incendios iniciados por unha tixola e unha fritideira ao lume. 

En Vilagarcía, un descoido na cociña dun inmoble provocou un incendio na vivenda e obrigou a trasladar a unha persoa por mor dunha posible intoxicación por inhalación de fume. Segundo puido saber o 112 Galicia, o lume empezou por unha tixola ao lume.

Todo sucedeu sobre as 23.15 horas no primeiro piso dun edificio. Unha persoa chamou ao 112 indicando que as escaleiras do inmoble estaban tomadas polo fume e que podía haber persoas afectadas.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitouse a intervención dos Bombeiros e do GES de Vilagarcía, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Nacional e Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar dos feitos, os membros de Protección Civil confirmaron que un dos ocupantes da vivenda tivo que ser evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia por inhalación de fume. O Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procedeu a ventilar a vivenda e confirmou que ardeu a campá extractora da cociña.

En Combarro, case á mesma hora, o 112 Galicia era informado doutro incendio nun piso situado na Avenida de Francisco Regalado. Os efectivos de Protección Civil desprazáronse ao domicilio e indicaron que unha freidora foi a causa da propagación das lapas. Unicamente resultaron afectados os mobles e o teito da cociña e ningunha persoa necesitou asistencia sanitaria.

Ademais de Protección Civil foron informados os profesionais sanitarios, os membros do GES de Sanxenxo, a Garda Civil e os Bombeiros de Pontevedra e de Ribadumia. Á súa chegada, o lume xa fora extinguido polos efectivos de Protección Civil e ventilaron a vivenda.