Unha salchicha XXL de medio metro "só para valentes", novidade da Oktoberfest de Campelo

Poio
08 de outubro 2014

Os mellores produtos galegos, feitos ao estilo alemán. Así se promove a segunda edición da Oktoberfest, que organiza esta fin de semana a Asociación Deportiva Cultural Campelo en colaboración co Concello de Poio. Esta festa, que manterá o formato de pasado ano, pretende atraer centos de veciños e visitantes cun único obxectivo, gozar da mellor cervexa e as salchichas máis saborosas en compañía de amigos

Presentación da segunda edición da Oktoberfest de Campelo
Presentación da segunda edición da Oktoberfest de Campelo / PontevedraViva

Os mellores produtos galegos, feitos ao estilo alemán. Así se promove a segunda edición da Oktoberfest, que organiza esta fin de semana a Asociación Deportiva Cultural Campelo en colaboración co Concello de Poio. Esta festa, que manterá o formato de pasado ano, pretende atraer centos de veciños e visitantes cun único obxectivo, gozar da mellor cervexa e as salchichas máis saborosas en compañía de amigos.

A carpa de degustación abrirá o venres 10 de outubro ás 20.30 horas e serviranse produtos de forma ininterrompida ata as catro da madrugada. Terán todos prezos alcanzables para todos os petos. Oscilan entre os tres euros da salchicha ou a hamburguesa ata os sete euros da salchicha XXL de medio metro. Ademais, a pinta loura custará 3,50 euros e a máis cara, o litro de tostada ou de trigo serán 6,50 euros.

En concreto, haberá tres tipos de cervexas alemás, loura, tostada e de trigo; mentres que para comer o menú estará composto polas clásicas salchichas alemás, ao estilo campesiño e outra un pouco picante. Este ano como novidade haberá dous novos tipos de salchichas, a XXL antes citada e unha con queixo, e ademais prepararanse hamburguesas ao estilo alemán.

Tanto o venres coma o sábado (día na que a carpa abrirá dende as doce do mediodía ata as catro da madrugada), a Oktoberfest de Campelo contará coas actuacións do dúo RKR (venres, 21.30 horas), o grupo Champurrada (venres, ás 00:00 horas), a escola de acordeóns de Campelo (sábado, 13.00 horas) e o artista Tony Lomba (sábado, 22.00 horas). A fin de festa poñeraa ambos os dous días unha sesión DJ, a partir da unha da madrugada.

Os organizadores dispuxeron un autobús que unirá de forma ininterrompida, dende as 20.30 horas do venres, a Alameda de Pontevedra (diante do ambulatorio) co Casal de Ferrreiros en Poio, Combarro, Seara e Campelo. Circularán sen descanso ata as catro da madrugada tanto o venres coma o sábado.

Dende o Concello de Poio, a concelleira de Festas, Marga Caldas, destacou que este tipo de eventos son "importantes" para o municipio, porque recordou que "congregan a diferentes xeracións de persoas gozando todas xuntas da festa".