Unha ruta circular porá en valor os petróglifos de Barro

Barro
10 de maio 2018

O Concello de Barro e as comunidades de montes de A Portela e Perdecanai acordaron actuar conxuntamente para poñer en valor os petróglifos que se encontran nos montes desas dúas parroquias

Petroglifo da Laxe dos Bolos, en Barro
Petroglifo da Laxe dos Bolos, en Barro / Concello de Barro

O Concello de Barro e as comunidades de montes de A Portela e Perdecanai acordaron actuar conxuntamente para poñer en valor os petróglifos que se encontran nos montes desas dúas parroquias.

Nunha reunión mantida polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e as xuntas reitoras das comunidades de montes, déuselle o visto bo ao proxecto encargado polo concello para a sinalización, a limpeza e a divulgación destes elementos do patrimonio, no que se leva tempo traballando.

Esta actuación levarase a cabo a través dun convenio de colaboración, que terá que ser referendado polas asembleas das comunidades de montes.

O proxecto consiste nunha ruta circular, que une as tres localizacións dos petróglifos con paneis informativos tanto da propia ruta como de cada un dos xacementos e outros elementos de interese.

A posta en valor do patrimonio e os recursos naturais son unha preocupación compartida polas tres entidades, polo que esta actuación será un paso máis para que tanto veciños como visitantes poidan desfrutar dos moitos lugares de interese que existen no concello.

Arquivado en