Medio cento de debuxantes e escritores participaron este domingo nunha homenaxe a Maruja Mallo, realizando o Segundo Caderno de Bueu que se amosará en agosto na Sala Amalia Domínguez Búa.
Esta ruta artística, organizada polo Concello de Bueu, estivo dirixida por Antón Sobral e Nanda Cabaleiro e pretendía facer un percorrido polos diferentes lugares nos que estivera Maruja Mallo durante a súa estancia na vila bueuesa no ano 1936.
Antón Sobral manifestou o seu agradecemento ao alcalde, e ao concelleiro de cultura, así como ao animador sociocultural, por permitir que este proxecto saíse á luz neste ano de conmemoración da pintura de Maruja Mallo.
A actividade arrancou ás 11 horas da Casa do Concello, e percorreu espazos como o Museo Massó, a praia de Pescadoira, porto de Bueu e Beluso, onde os participantes se uniron para comer no restaurante A Centoleira.
Sobral destacou a presenza de ilustradores como Eduardo Pérez Baamonde, ou de escritores como Francisco Xosé Fernández Naval, Maribel Longueira ou Carmen Quinteiro.
Tamén salientable foi a participación de Xaime Toxo no acto, quen fixo unha recensión sobre a presenza da pintora viveirense na vila.