O Festival Experimenta Pontevedra de Deseño Urbano acaba de recibir unha grata noticia que reforza a que foi a súa primeira edición.
Unha das instalacións efémeras creadas ad hoc para participar no festival pontevedrés recibiu o premio Emporia á mellor montaxe dunha exposición efémera non itinerante que outorga o Col.legi de Dissenyadors d'Interiors i Decoradors de Catalunya e Veredictas Internacional.
Trátase da obra titulada 'A Muralla do Mar', do estudo CUAC Arquitectura de Granada e que estivo exposta na rúa Serra, fronte ao Mercado de Abastos.
Esta montaxe supoñía unha interpretación da muralla da cidade, cuxos restos se atopan sepultos baixo esta rúa, facendo referencia á proximidade da fortaleza co mar a través do río Lérez.
Os premios Emporia son os únicos galardóns de arquitectura efémera do Estado, sinala o Concello de Pontevedra, e neles participaron 17 proxectos: tres locais, outros chegados de distintos puntos de Galicia e do resto do Estado e un chegado desde o continente americano.