Polo menos seis albergues de peregrinos da localidade de Caldas de Reis víronse afectados por unha praga de chinches. Un deles viuse forzado a pechar as súas instalacións mentres que o resto limitáronse a clausurar aquelas dependencias que estaban afectadas.
Os afectados sinalan ás mochilas dos peregrinos como orixe do foco polo que xa se están aplicando algunhas medidas como alfombras con insecticida nas que deixar as mochilas e tamén as botas durante un tempo prudencial antes de acceder aos albergues. Mochilas e botas que non teñen permitido entrar nas habitacións.
Estes hostaleiros aplicaron o seu propio protocolo sanitario con desinfeccións periódicas que piden que se estendan ás empresas de transporte que contratan os peregrinos.
O problema non é novo no Camiño de Santiago, onde os aloxamentos para os peregrinos levan anos tomando medidas como eliminar os elementos de madeira nas súas instalacións, usar fundas especiais para os colchóns e almofadas e realizar fumigacións periódicas.
Os afectados explican que teñen que levar a cabo limpezas profundas, lavando toda a roupa de cama, cortinas e roupa en auga quente e secándoa tamén a alta temperatura para matar as chinches e os seus ovos. Tamén teñen que aspirar as áreas afectadas, especialmente as gretas e fendas.
Outro truco é illar as camas das paredes para evitar que as chinches suban e utilizar trampas adhesivas para atrapar ás chinches e detectar a extensión da infestación.