Alicia Crespí González, unha pontevedresa nacida en 1922 e falecida hai máis dun ano en Madrid, legou á Deputación de Pontevedra a cantidade de 840.000 euros e unha colección de enseres, mobles e obras de arte da súa propiedade para o Museo de Pontevedra.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou que o goberno provincial aceptou hoxe o seu legado que supón unha cantidade de 3,4 millóns a repartir entre a propia Deputación, a congregación das Doroteas de Pontevedra, a Universidade de Vigo, Cáritas e os seus dous irmáns.
No seu testamento, outorgado en Madrid en 1995, Alicia Crespí González, deixa o seu viúvo, Angel González Ferrero, o usufruto; á Deputación de Pontevedra os mobles e obxectos artísticos do seu domicilio madrileño da rúa Arroyo del Fresno para que sexan expostos no Museo de Pontevedra; e ás institucións antes referidas unha cuarta parte da súa herdanza con varios condicionantes.
No caso das Doroteas e da Universidade de Vigo, o destino da cantidade legada será para a sede da congregación relixiosa e para a Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. No caso de Cáritas, para atender unha residencia de anciáns. E no caso dos seus irmáns, Antonio e Luis Crespí González, para que restauren no prazo de tres anos os edificios antigos e o terreo materno do lugar de Santiago de Loureiro, no municipio de Cotobade. Os irmáns xa adiantaron que será moi difícil cumprir con este requisito polo que é previsible que estes inmobles tamén recalen no patrimonio da Deputación.
O valor dos bens da testamentaria consegue un valor de taxación actual de 3,4 millóns de euros e os depósitos, contas correntes, fondos de investimento e seguro de vida supoñen 793.575 euros.
Os bens inclúen cinco pisos en Madrid e un na illa da Toxa no Grove, unha vivenda con rocho e praza de garaxe tamén en Madrid, varias prazas de garaxe, un terreo en Cotobade, valores mobiliarios e mobles e enseres, valorados, todos eles en 3.397.895 euros.
Ao seu viúvo correspóndelle o 12,5% do valor dos bens, é dicir 283.157 euros e o resto será repartido entre os catro legatarios a razón de 840.000 euros cada un.
O legado específico do Museo de Pontevedra está composto por 17 mobles, 9 obras de artes (de pintores anónimos do século XIX, José Fernández Lamas, Teresa Abril Martorell ou José Luis Lagos Escalada, entre outros), así como obras de cerámica, instrumentos musicais antigos e varias coleccións de fotografías.
Rafael Louzán, agradeceu publicamente ese legado e destacou o "labor altruísta e solidario" de Alicia Crespí e da súa familia que vén a contribuír, dixo, "xunto a outros mecenas pontevedreses ao engrandecemento do Museo de Pontevedra e a convertelo nunha institución de referencia en Galicia e España".