Catro anos de prisión, o pago dunha multa de 6.000 euros (20 meses cunha cota diaria de 10) e unha indemnización de 14.558,30 euros. Esta é ao condena á que se enfronta a veciña da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio M.P.C.R. como suposta responsable de sete incendios forestais que presuntamente provocou nos montes da súa propia parroquia entre agosto e outubro de 2016, nunha onda de lumes que mantivo en albas a centos de veciños.
A muller debía sentar este próximo xoves 28 de xaneiro no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra como suposta autora dun delito continuado de incendio forestal, aínda que finalmente o xuízo foi aprazado e non se xulgará ata o mes de maio.
A agora acusada foi detida pola Policía Autonómica en outubro de 2016 como presunta autora de 16 incendios forestais entre o 9 de agosto e o 6 de outubro en Ponte Sampaio e na Canicouva, aínda que finalmente tan só será xulgada por sete deles.
O escrito de acusación da Fiscalía, ao que tivo acceso PontevedraViva, sostén que a muller actuou "movida pola intención de causar un menoscabo na vexetación das parroquias de Vilar, Acevedo e Rañadoiro" e, entre agosto e outubro de 2016 "dedicouse a prender lume en varias ocasións en distintas leiras con vexetación forestal". Para iso, desprazábase no seu coche, un Citroën ZX, por estradas e pistas forestais e, cando ninguén a observaba, aplicaba unha chama a varias pastillas de encendido con parafina, das utilizadas para acender grelladas, que logo lanzaba sobre as matogueiras.
En concreto, o primeiro incendio que lle atribúe a Fiscalía produciuse sobre as 18.00 horas do 30 de agosto no lugar de Rañadoiro, o mesmo no que ela reside habitualmente. A muller, segundo sostén a acusación, internouse nun camiño de servidume estreito que sae da pista asfaltada que une os lugares de Vilar e Rañadoiro e lanzou varias pastillas de encendido ás que previamente aplicara unha chama.
Lanzounas sobre unha zona con abundante follaxe e matogueira que comezou enseguida a arder, propagándose o lume ás leiras lindeiras de forma rápida debido ás condicións meteorolóxicas existentes (vento do oeste, vinte e oito graos de temperatura e humidade relativa do aire do 40%) que determinaban un risco de ignición moi alto. A pesar da intervención dos equipos de extinción, resultaron afectados 5.100 metros cadrados de monte arborizado.
O modus operandi foi o mesmo nos seguintes incendios que lle atribúe a Fiscalía. Sobre as 17.00 horas do 7 de setembro iniciou un nun noiro que se atopa xunto á estrada que une Vilar e Rañadoiro no que arderon 600 metros cadrados de monte arborizado e 100 de monte raso.
Sobre a mesma hora do 8 de setembro fixo o mesmo nun camiño de servidume estreito que sae do lugar de Rañadoiro cara a Ou Vilar no que arderon 25.000 metros cadrados de monte arborizado con eucaliptos, 5.000 de monte non arborizado e 2.800 de superficie agrícola.
Sobre as 19.00 horas do 19 de setembro detívose co seu coche na marxe da pista asfaltada que une os lugares de Vilar e Rañadoiro e lanzou varias pastillas, ardendo 1.000 metros cadrados de monte arborizado.
O 24 de setembro sobre as 12.00 horas supostamente actuou no lugar da Canicouva. Detívose na marxe da pista asfaltada que une os lugares de O Sixto e A Canicouva golpeando o seu vehículo contra as pedras dun peche e lanzou varias pastillas de encendido ás que previamente aplicara unha chama, cara a unha parcela forestal na que había arboledo e matogueira nova que comezou enseguida a arder. Resultaron afectados 700 metros cadrados de monte arborizado e matogueira.
Os dous últimos incendios que lle atribúen rexistráronse o 6 de outubro, o mesmo día en que foi detida. Sobre as 17.00 horas, saíu da súa casa e dirixiuse no vehículo cara á estrada xeral de Arcade (Soutomaior), deténdose á marxe da calzada e lanzando polo portelo varias pastillas de aceso ás que previamente aplicara a chama dun chisqueiro e que caeron sobre a cuneta. Enseguida comezou a arder a materia vexetal que había acumulada, estendéndose o lume cara ao monte propagándose ás leiras lindeiras. Finalmente, só resultaron afectados 200 metros cadrados de matogueira.
A continuación, proseguiu a súa marcha e internouse nunha pista forestal que conduce cara á Canicouva onde, nun momento dado, detivo o automóbil e, sen baixar del, lanzou polo portelo unha pastilla de aceso prendida cara á cuneta na que enseguida comezou a arder a materia vexetal que había acumulada, estendéndose o lume cara ao monte propagándose ás leiras lindeiras. Unha patrulla da policía observou a súa actuación e alertou aos equipos de extinción, de modo que só resultaron afectados 200 metros cadrados de matogueira.
A acusada foi detida ese mesmo día tras a última das accións e no seu poder foron intervidas varias pastillas de encendido e catro chisqueiros.
A Fiscalía pide que indemnice á Xunta polos gastos de extinción dos incendios e a unha propietaria afectada polo incendio do 30 de agosto. Foi a única persoa que reclamou polos danos ocasionados.