Unha Pontevedra cada vez máis urbana sitúase por enriba dos 84.000 habitantes

Pontevedra
13 de xaneiro 2019

Pontevedra segue crecendo en poboación. Cada ano aumenta o número de habitantes no municipio e 2018 non foi unha excepción. Os datos do padrón municipal revelan que residen no concello un total de 84.074 persoas. Son 139 veciños máis que en 2017, ano que terminou con 83.935 habitantes

Xente paseando polas rúas de Pontevedra
Xente paseando polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra segue crecendo en poboación. Cada ano aumenta o número de habitantes no municipio e 2018 non foi unha excepción. Os datos do padrón municipal revelan que residen no concello un total de 84.074 persoas. Son 139 veciños máis que en 2017, ano que terminou con 83.935 habitantes na Boa Vila. 

O Concello destaca que, nos últimos 20 anos, o crecemento poboacional de Pontevedra disparouse e creceu un 13.09%. En 1996, Pontevedra contaba con 73.066 habitantes, unha cifra que aumentou en máis de 11.000 persoas desde entón.

Pero este incremento, con todo, vén acompañado de varios datos preocupantes. Así, fronte á boa saúde que parece ter o centro urbano, as parroquias do rural continúan perdendo veciños de maneira progresiva. A finais de 2018, apenas un 23.89% dos pontevedreses residen nalgún dos núcleos rurais.

Con respecto ao último ano, tan só dúas das parroquias -Lérez e Tomeza- aumentaron poboación, aínda que de maneira tímida (oito e dúas persoas respectivamente), mentres que A Canicouva mantivo o mesmo número de veciños. Os maiores descensos rexístranse en Salcedo, Mourente e Alba. En total, no rural viven 20.092 persoas.

O censo do ámbito urbano, pola súa banda, creceu ata os 63.982 habitantes. Trátase dun 6% máis que fai tan só dez anos. 

Os datos do padrón reflicten ademais que se Pontevedra crece en poboación faino pola súa capacidade de atraer a persoas doutros municipios. Por terceiro ano consecutivo o crecemento vexetativo foi negativo, é dicir, houbo máis falecementos que nacementos. Aínda que o saldo foi menor que en 2017, o ano pechou con 602 recén nados fronte a 621 defuncións.

Un de cada cinco pontevedreses, ademais, supera xa os 65 anos. Son 16.971 persoas, o 20.1% do total do padrón municipal. Deles, 37 son centenarios. Fronte a eles, en Pontevedra hai 3.379 nenos e nenas de 0 a 4 anos, dous menos que a finais do pasado ano.

O padrón reflicte que, dos nenos nados en 2018, os nomes máis habituais foron Martín, Leo, Lucas e Mateo. Sofía, Daniela, Olivia e Valeria foron os preferidos entre as nenas.

Outro ámbito a destacar é que, con respecto a 2017, crece o número de estranxeiros censados en Pontevedra. Son 3.791 persoas, un 4.51% do total, 60 máis que hai un ano. É a cifra máis alta desde 2011. Os residentes de nacionalidade española son, por tanto, 80.283, 79 máis que hai doce meses, chegados maioritariamente de municipios próximos. 

A colonia estranxeira máis numerosa en Pontevedra son os portugueses, con 419 persoas. Séguenlle países como Brasil (407), Marrocos (401), Colombia (293), Venezuela (263), Romanía (225), Italia (169), China (168), Senegal (158) ou Arxentina (113).

Os naturais de Reino Unido República Dominicana, Francia, Cuba, Ecuador, Perú, Paraguai, Ghana, Bangladesh e Uruguai tamén superan o medio centenar.