Unha policía para reforzar a loita contra a violencia sobre a muller desde a Subdelegación do Goberno

Pontevedra
02 de setembro 2024

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu hoxe á nova xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, a subinspectora da Policía Nacional María José Rodríguez, que vén substituír a Manuela Vilaboy, a quen o subdelegado agradeceu o seu desempeño e labor

Abel Losada recibe a María José Rodríguez
Abel Losada recibe a María José Rodríguez /

Cambios na Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A responsable dos últimos anos, Manuela Vilaboy, deixa o cargo e asume a xefatura a subinspectora da Policía Nacional María José Rodríguez.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu este luns á nova xefa e mantivo con ela unha primeira reunión na que tamén estiveron presentes o comisario provincial, Juanjo Diaz Jiménez, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso de Linaje Calzada.

Losada agradeceu o seu desempeño e labor a Manuela Vilaboy e fixou coa nova responsable os obxectivos da unidade, moi satisfeito con esta nova incorporación. 

María José Rodríguez Pérez é subinspectora da Policía Nacional, corpo do que forma parte desde hai 18 anos. Ata este verán, era a responsable da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría Local de Ribeira. Previamente pasou pola Comisaría Local de Vigo-Redondela.

En Vigo formaba parte do Grupo de Atención á Cidadanía e ocupábase da activación de protocolos relativos á violencia e agresión sexual, da recepción e xestión de alertas do Centro Cometa, dos casos de violencia de xénero de risco alto ou extremo, así como da xestión a nivel provincial da aplicación Alertcops.

Previamente foi investigadora da Brigada de Branqueo de Capitais da UDEF, na Comisaría Xeral da Policía Xudicial, e posúe dúas cruces ao mérito policial con distintivo branco.

Da nova responsable destacou o subdelegado que provén da Policía Nacional, ten unha ampla experiencia e "será unha peza fundamental do sistema VioGén na provincia", do que forman parte 17 concellos”. Realizará un seguimento dos recursos e servizos estatais en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero, en coordinación coas diferentes administracións.

O subdelegado subliñou o "compromiso total" da Subdelegación e do Goberno de España na loita contra violencia sobre as mulleres e lembrou que os 61 concellos da provincia recibiron este ano case 600.000 euros dos fondos do Pacto do Estado, o que supón un 52% de incremento con respecto ao investido polo anterior executivo.