Unha parella de xabarís, novos veciños do barrio de Campolongo

Pontevedra
12 de novembro 2020

Pola Avenida de Eduardo Blanco Amor, camiñando polo medio da estrada, pasearon primeiro pola urbanización de San Brais para sorpresa dos veciños da zona. Logo seguiron ata o Edificio da Xunta. Despois entraron pola Rúa da Corva e subiron polo caminiño que conduce á parte de atrás do instituto Torrente Ballester, e por aí xa regresaron ao monte

Unha parella de xabarís en Campolongo / PontevedraViva

Pouco antes do 'toque de queda' das 11 da noite unha parella de xabarís baixou na noite deste mércores ao barrio de Campolongo.

Pola Avenida de Eduardo Blanco Amor, camiñando polo medio da estrada, pasearon primeiro pola urbanización de San  Blas para sorpresa dos veciños da zona. Logo seguiron ata o Edificio da Xunta. Despois entraron pola Rúa da Corva e subiron polo caminiño que conduce á parte de atrás do instituto Torrente Ballester, e por aí xa regresaron ao monte.

A Asociación Animalista Libera explicou que o 'toque de queda' facilita unha maior presenza de fauna silvestre en contornas urbanizadas ao non atopar vehículos ou estímulos negativos.

Os animalistas sinalan que diante da súa presenza non se deben realizar condutas ou movementos agresivos e hai que alertar da súa presenza ás Forzas de Seguridade. De feito esta madrugada rexistrouse un novo accidente de tráfico na AP-9, no termo municipal de Cambre, cando unha manda de xabarís cruzaban a autoestrada. O condutor saíu ileso do golpe contra a  piara pero na colisión morreron catro destes animais.

Desde a asociación LIBERA! recomendan non deixar bolsas de lixo ou restos orgánicos na vía pública, e pechar sempre os contedores, xa que a fauna silvestre visita as cidades pola obtención sinxela de alimento.