Unha pancarta no Pazo Provincial anima a secundar a folga feminista do 8M

Pontevedra
01 de marzo 2019

Unha pancarta preside dende a mañá deste venres a fachada do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra co lema 'Mulleres en loita pola igualdade'

Despregamento da pancarta na Deputación con motivo do 8M
Despregamento da pancarta na Deputación con motivo do 8M / Mónica Patxot

Co motivo do Día Internacional da Muller, e da convocatoria da Folga Feminista do 8M, a Deputación de Pontevedra sumouse a esta iniciativa coa colocación dunha pancarta na fachada do edificio do Pazo Provincial co lema 'Mulleres en loita pola igualdade'. 

Con este xesto, a Deputación apoia o parón do 8 de marzo e únese a folga de coidados, folga laboral, folga de consumo e folga estudantil para así mostrar a necesidade da loita feminista para erradicar todo tipo de violencias machistas e demostrar que se as mulleres paran, para o mundo.

En Pontevedra, a plataforma Galegas 8M convoca unha manifestación o venres 8 de marzo ás 13:00 horas na Plaza da Ferrería e unha marcha reivindicativa que comezará cunha concentración a partir das 20:00 horas diante do Concello.

A pancarta foi desplegada pola presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, arroupados polos deputados provinciais Xosé Leal, Eva Vilaverde, Santos Héctor, Chelo Besada, Isaura Abelairas e Digna Rivas.

Así mesmo, Carmela Silva fixo un chamamento durante a inauguración do II Encontro de Mulleres Columnistas 'As mulleres que opinan son perigosas', para que as mulleres participen na folga de 24 horas e que os homes lles faciliten ese día para que poidan facer a folga.