Unha operación antidroga desenvolvida pola Policía Nacional en distintos puntos de España chegou nas últimas horas a Pontevedra e a Cerdedo-Cotobade. Trátase dunha operación de ámbito internacional contra unha rede de narcotraficantes que implica a individuos de distintos países e que está dirixida pola Audiencia Nacional.
Segundo puido saber PontevedraViva, a operación comezou na noite do luns ao martes e deixou ata o momento once detidos na provincia de Pontevedra.
Segundo a información publicada este mércores por Faro de Vigo, ata o de agora a operación xa suma 18 detidos que formarían unha organización composta por cidadáns mexicanos e colombianos que presuntamente controlaban un laboratorio de cocaína.
Si transcendeu que no marco da operación desarticulouse un laboratorio de procesado de cocaína a gran escala en Cerdedo-Cotobade. Trátase dun laboratorio de grandes dimensións, segundo algunhas fontes da investigación, un dos máis grandes localizado ata agora en Europa.
En Cerdedo-Cotobade, segundo puido saber este xornal, centráronse na zona de A Longa, en San Xurxo de Sacos e centráronse nunha nave na que habería unha grande cantidade de cocaína.
En Pontevedra producíronse varios rexistros e detencións. Un dos arrestos produciuse nun hotel da cidade, onde estaba un dos supostos líderes da organización, segundo fontes coñecedoras da investigación.
Fontes oficiais da Policía Nacional han insistido en que a Audiencia Nacional decretou o segredo das actuacións, de modo que descartan facilitar información oficial da operación.
Tamén fontes oficiais confirman que a operación se desenvolve desde este martes en Madrid, Las Palmas de Gran Canaria e Galicia.
Ata Pontevedra desprazáronse nas últimas horas axentes da Brigada Central de Estupefacientes baixo a coordinación do Xulgado Central de instrución número 2 da Audiencia Nacional, que preside o xuíz Ismael Moreno. O amplo despregamento implicou á UDYCO central, o helicóptero da Policía Nacional e tamén ao Grupo Operativo de Inspeccións Técnicas (GOIT).