Unha "nova vida" aos quioscos como puntos de repartición de paquetes ou postos de venda de flores ou lotería

Pontevedra
27 de febreiro 2024

O grupo municipal do Partido Popular aposta por importar ideas doutras cidades españolas que os utilizan como cafeterías, punto de repartición de paquetes ou postos de venda de flores ou lotería

A edil do PP SIlvia Junco diante do quiosco da Praza de Galicia
A edil do PP SIlvia Junco diante do quiosco da Praza de Galicia / PP de Pontevedra

O Partido Popular de Pontevedra propón "combater o feísmo" dalgúns elementos do mobiliario urbano, comezando por "reconverter os quioscos da cidade e darlles unha nova vida".

Despois de que o Concello de Pontevedra anunciase que os quioscos da Boa Vila teñen os días contados, a concelleira popular Silvia Junco suxeriu a posibilidade de reactivalos co obxectivo de "fomentar el emprendimiento para ponerlo al servicio social y económico de la ciudad, los barrios y las parroquias".

Quioscos sen actividade como os da Praza de Galicia, Avenida de Vigo, rúa Rosalía de Castro ou a rúa Serra presentan un estado de "abandono absoluto" e trasladan unha imaxe "sucia e deteriorada". Con todo, este tipo de instalacións sobreviviu noutras cidades ao utilizarse para outras necesidades, ademais dos seus usos tradicionais.

A edil puxo de exemplo outras cidades como Salamanca, que utilizan os quioscos para fins culturais, participativos e turísticos; Barcelona, como punto de entrega e recollida de paquetes e outros servizos; Oviedo, como posto de flores e reparto de café; Zaragoza, como florerías, postos de venda de lotería e de café; ou Vilagarcía, que creou unha oficina municipal de atención e formación dixital para veciños e turistas.

Outro dos posibles usos, que propón o Partido Popular, é adaptalos como baños inclusivos ou trasladar algún dos que están sen actividade ás parroquias que o soliciten para utilizalos como puntos de información ou bibliotecas.