Unha nova partida do Plan Concellos servirá para empregar a 234 persoas

Poio
02 de febreiro 2017

A Deputación de Pontevedra leva investidos en dúas semanas preto de 2,6 millóns de euros que supoñen 347 persoas empregadas en 20 concellos da provincia

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vai aprobar este venres a concesión de 1.659.167,79 euros do Plan Concellos 2017.

Estes cartos irán destinados a doce concellos, entre eles A Lama, Moraña, Poio, ou Portas. Con esta achega, e coas aprobadas a semana pasada, a institución provincial leva xa investidos 2.592.186,64 euros que están a permitir que vinte concellos da provincia poidan contratar a 347 persoas para manter e garantir os servizos municipais.

Carmela Silva subliñou a necesidade de que "as administracións sigamos impulsando medidas para loitar contra o desemprego".

A presidenta da Deputación entende que "sen esta liña os concellos da nosa provincia dificilmente poderían prestar servizos básicos xa que somos a única administración que pon á súa disposición recursos que permiten contratar a persoal e garantir así que poidan seguir prestando estes servizos, cubrindo ocos que está a provocar a lexislación aprobada polo goberno de Rajoy".