Unha nova alianza facilitará o emprendemento das vítimas de violencia machista da cidade

Pontevedra
05 de febreiro 2023

O Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store van colaborar á hora de facilitar asesoramento no emprendemento destas vítimas. O alcalde mantivo unha reunión este sábado con este colectivo

Reunión entre Lores e Pont-Up Store
Reunión entre Lores e Pont-Up Store / Concello de Pontevedra

O Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store van establecer unha colaboración que redundará na mellora da vida das vítimas da violencia machista da cidade. 

Segundo deu a coñecer este sábado o Concello, van colaborar á hora de facilitar asesoramento no emprendemento destas vítimas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión este sábado coa asociación, que naceu en Pontevedra co obxectivo de impulsar e apoiar ao novo emprendemento e a innovación no noroeste peninsular e especialmente en Galicia. Esta entidade ten como orixe no espazo de emprendemento Pont- Up Store.

O encontro foi na sede da asociación no edificio Redeira de Santa Clara e, ao remate, o alcalde lembrou que a cidade está sendo elixida como un punto de interese á hora de establecer sedes físicas, como é o caso do Clúster de Ecommerce Galego, situado desde hai uns meses no edificio municipal dos Campos, en Mourente.

"Algo teremos para seguir atraendo proxectos, algo teremos cando as novas asociacións e os novos clúster pensan en asentar aquí. Pontevedra é unha cidade para vivir", sinalou Lores.

O alcalde tamén sinalou que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías son "parte fundamental da nosa época, e a nosa aposta polo futuro á hora de competir con calidade co resto de empresas e proxectos do mundo".