O coñecido como Síndrome de Alienación Parental (SAP) volveu a aparecer na escena xudicial pontevedresa con poucas semanas de diferenza. Tras amentarse esta situación no caso dunha nai á que un Xulgado de Cambados quitou aos seus fillos para entregalos ao pai, agora apélase a el nun proceso de Marín, no que unha nena de 10 anos acabou nun centro de menores baixo tutela da Xunta de Galicia en plena disputa pola custodia.
Estes dous casos, que os colectivos feministas cualifican como "violencia institucional", motivaron unha concentración prevista para este venres, 5 de abril, no número 16 da avenida de Vigo de Pontevedra, o edificio da Consellería de Sanidade, que acolle o Punto de Encontro Familiar.
A concentración, convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra, está prevista para as 18.30 horas e busca denunciar que o "falso" SAP é "tortura institucional".
"Basta da violencia contra as nais! Basta da violencia vicaria! Un maltratador non é un bo pai! Basta de minimizar, normalizar e negar as violencias machistas estruturais contra as mulleres e as súas crianzas", piden as convocantes.
Esta protesta chega tan só uns días antes de que se celebre na Audiencia de Pontevedra unha vista crucial para o caso desta nena de Marín. O 10 de abril a institución provincial revisará un réxime de garda e custodia compartida para esta nena, que cumprirá 11 anos o próximo mes de xuño.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Marín ditou a custodia compartida e a súa nai recorreuna alegando que "a menor non convive co seu proxenitor desde os 4 anos e o contacto que tivo con el desde entón foi moi esporádico, primeiro, pola súa falta de interese e, despois, pola negativa da menor para relacionarse con el".
Esa sentenza de Marín non é firme e está pendente desta vista o próximo 10 de abril pero como medida cautelar, a nena non está agora nin co seu pai nin coa súa nai.
Segundo un comunicado facilitada polo Colectivo Feminista, o fiscal pediu "confiar temporalmente a garda da menor á entidade pública de protección de menores da Xunta de Galicia". O xulgado acordou a medida e o pasado 12 de marzo, persoal do departamento de menores foi ao colexio da menor unha hora antes de finalizar as clases cunha orde xudicial e levoulla para internala nun centro de menores.
O xulgado notificoulle a medida á nai unha vez que xa se produciu e, desde entón, nai e filla non tiveron ningún tipo de contacto e a nai segue descoñecendo o lugar no que se atopa.
A decisión xudicial supón o traslado da nena a un centro de protección de menores da Xunta que teña un equipo técnico preciso para "pautarle á menor un tratamento ou terapia adecuado para normalizar a relación paternofilial" co seu pai.
Neste caso figuran dous informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) de febreiro de 2023 e febreiro de 2024 apoiándose noutros do Punto de Encontro Familiar e do Gabinete de Orientación Familiar de Vigo nos que culpan á nai da negativa da filla para relacionarse co pai, "seguindo ao pé da letra todos os postulados da falsa síndrome de alienación parenta", denuncia o colectivo feminista.
O informe de febreiro de 2024 recoñece que a separación da menor da súa contorna materna pode non ser unha solución inocua e, aínda así, recomenda a garda e custodia en exclusiva para o pai e que, paralelamente, se suspendan os contactos da menor coa nai ata a súa adecuada implementación.
Alegan que "a proxenitora primou en todo momento os seus propios intereses por encima dos intereses da menor, movida por manifesta animadversión cara ao proxenitor, sen poder objetivarse fundamento algún". Ademais, sostén que a nai infundió no menor "sentimento de desafección, inseguridade e temor cara ao seu pai".
A orixe desa situación sitúase cinco anos atrás, en 2019, cando a nai presentou demanda de medidas extramatrimoniais para regular a relación dos proxenitores coa filla. "Foi nese momento cando apareceu a paternidade sobrevinda no proxenitor. Ata entón non tivo ningún interese de manter o contacto coa súa filla", denuncia o citado comunicado.
O comunicado, emitido inicialmente pola Asociación de Mujeres Separadas e Divorciadas do País Valencià, critica que todas as resolucións ditadas polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Marín "están influenciadas polo imperio do patriarcado" e apóianse en informes que utilizan os argumentos do SAP "para facer prevalecer unha visión sobrevalorada da figura paterna, interpretando que o interese superior da criatura é ter contacto fluído co pai".
Critican que "non se tivo en conta a vontade da menor nin a súa autonomía de xuízo e a súa capacidade de discernimiento" e que as resolucións xudiciais infrinxen, entre outras disposicións legais, o Convenio de Istambul, que obriga á administración pública a actuar desde un enfoque de xénero e a Lei Orgánica 8/2021, nos artigos mencionados e noutros.