Unha nai e unha filla sentaron este xoves no banco dos acusados do Xulgado de Menores de Pontevedra para render contas polos delitos de denuncia falsa e simulación de delito por presuntamente denunciar en falso que tres veciños de Monte Porreiro de 16, 20 e 22 anos violaron á menor delas. A filla, como acusada e a nai como responsable civil subsidiaria.
A nai e a filla, que no momento dos feitos era menor, presentaron varias denuncias contra os tres mozos por agresión sexual, ameazas e violación de morada, todas elas foron arquivadas por diversos xulgados e mesmo a suposta vítima recoñeceu finalmente que non sucedera nada. O caso chegou agora a xuízo porque as familias dos mozos denunciaron a nai e filla.
O xuízo celebrouse a porta pechada nunha sala dos xulgados da Parda. Segundo fontes xudiciais, Manuela F.C. e a súa filla acolléronse ao seu dereito a non declarar, pero si falaron os tres mozos denunciantes e as súas familias, que relataron os danos e prexuízos que lles provocaron as denuncias iniciais das dúas acusadas.
As familias sinalaron que, na súa opinión, a nai tivo mala intención á hora de denunciar e inventarse os delitos, pois non só mentiu sobre unha agresión sexual que non sucedeu senón que chegou a crear contas en redes sociais falsas e a matar ás súas propios animais para acusar os mozos.
Ademais, segundo puido saber PontevedraViva, declarou na sala de vistas un especialista forense que avaliou á menor a petición da súa defensa e da Fiscalía para determinar se podía ser xulgada ou non e se no momento dos feitos era consciente do alcance da súa denuncia, que posteriormente ela mesma recoñecería que era falsa.
O seu avogado defensor pretendía que se decretase a incapacidade da moza, que presenta un atraso leve e trastorno mixto de adaptabilidade e non entendía as consecuencias dos seus actos. Con todo, o forense concluíu que a moza si sabía o que facía e que estaba a facer algo malo, segundo indicou ao termo da vista oral o avogado dos denunciantes, Jesús Espeso.
A Fiscalía e a acusación particular exercida polos tres mozos e as súas familias piden que nai e filla sexan condenadas por simulación de delito e denuncia falsa. A condena para a filla sería de dous anos de internamento nun centro de día e as familias, ademais, piden que os indemnicen con 100.000 euros polos danos e prexuízos ocasionados. O xuízo quedou visto para sentenza.
Antes do inicio do xuízo, a nai denunciada non quixo falar cos medios, pero si indicou: "yo creí a mi hija". Si falaron as nais dos mozos denunciados en falso por violación, Raquel Diaz e María Antonia Portela. Ambas relataron que confían en que se faga "xustiza". Criticaron o atraso xudicial deste tema, pois as denuncias presentáronse en 2016, as causas arquiváronse en 2017 e levaban dous anos esperando que se celebre ese xuízo: "en el sistema de la Justicia algo falla".
O fillo de Raquel tiña 16 anos cando foi denunciado por agresión sexual e os dous de Antonia tiñan 20 e 22 e tamén lles atribuíron ameazas e violación. Por mor desas denuncias, logo arquivadas, as súas nais relatan que sufriron insultos e vexacións e acoso nas rúas, foron obxecto de pintadas e pasaron momentos duros. Os seus fillos están "muy afectados" e, en xeral, resultou prexudicada toda a familia.
As nais confían no bo resultado do xuízo."Yo hasta ahora siempre he confiado en la justicia, me parece que va muy lenta, pero siempre he confiado en la justicia. nunca me ha gustado el tema de la gente que se toma la justicia por su mano", indicou Raquel, que non ocultou a súa "rabia". Antonio mostrou a súa indignación porque aos seus fillos "en el pueblo les siguen llamando violadores, eso ya le queda de por vida, ya no hay indemnización ni nada que lo pague".
"Pedimos que se haga justicia, que acabe ya y que sea favorable para la parte que es inocente. La parte que sea culpable, que pague lo que tenga que pagar", resumiron.