"Isto é insoportable". É a afirmación desesperada dunha pontevedresa que desde o 17 de agosto non ve ao seu fillo de tres anos e falou con el apenas uns minutos. O menor está co seu pai e tiña que regresar con ela ás 10.00 horas da mañá do mércores 28. Con todo, nada sabe del e non lle responde ás mensaxes, de modo que cada vez está máis "preocupada". "É coma se desaparecese do mapa", lamenta, e tamén cuestiona que nestes momentos non existen instrumentos xudiciais que a amparen para unha actuación urxente.
Levaba xa días desesperada porque, en dez días, apenas puidera tampouco falar por teléfono con el, tan só dúas chamadas dun minuto de duración "interrompidas e violentadas polo pai con ton agresivo e falta absoluta de respecto cara a min". E ningunha videochamada a pesar de pedila, de que xa hai tempo que realizan este tipo de comunicación e de que a nai apela a informes que indican que lle evitan angustia ao neno por non vela. Agora, a súa angustia creceu, pois non só lle impide organizar a súa vida, senón que empeza a afectarlle á saúde esta "utilización do neno" para prexudicala a ela.
Esta situación actual é "horrible" e "un inferno", pero a súa desesperación responde aos últimos tres anos, nos que denuncia "incumprimentos constantes" do pai en relación co réxime de visitas -primeiro en custodia dela e desde maio compartida- e comunicación e tamén situacións de "fustrigación", "acoso" e "manipulación".
Para poder contar ben a súa historia é necesario remontarse aos meses previos ao nacemento do neno. Durante o seu embarazo, atribúe ao seu entón mozo e pai do neno "episodios violentos practicamente a diario", un especialmente grave, "de forma desproporcionada", durante unha viaxe de traballo na que ela o acompañou e mesmo unha agresión física dous días antes de dar a luz, cando lle causou un hematoma na barriga de oito meses de xestación. Ese día tamén a deixou soa nunha casa familiar fose de Pontevedra, sen coche nin posibilidade de volver.
Ese episodio levouna a romper a relación e as cousas non melloraron tras nacer o neno, ata tal punto que o caso acabou xudicializado. Esta pontevedresa refire "insultos" de todo tipo e "ameazas continuas" e relata situacións como: "el ausentábase sen aviso previo, non chamaba e, cando volvía uns días despois, acusábame falsamente de non deixarlle ao neno durante todo ese período".
"Non lle vale nada, mente, xera problemas, acosa, abusa, sempre busca molestarme e non deixarme conciliar, denúnciame falsamente…"
Esta nai, que prefire non facilitar nomes nin detalles persoais por non comprometer a identidade do seu fillo, relata un auténtico "caos" durante estes anos, nos que a súa vida empezou a escribirse a través de resolucións xudiciais e denuncias cruzadas. "Non lle vale nada, mente, xera problemas, acosa, abusa, sempre busca molestarme e non deixarme conciliar, denúnciame falsamente…", relata sobre a súa vida, que chega a definir como "de película de terror".
As tres primeiras denuncias que ela presentou foron xa en 2021 e as tres acabaron arquivadas. A primeira, por unha suposta agresión durante o postparto, aos 15 días de nacer o seu fillo. Ela acolleuse ao seu dereito a non declarar "por medo e para que o meu fillo non tivese ese estigma", buscando "acougar as cousas" e agora arrepíntese e considera que foi "o peor erro da miña vida. A segunda, por acoso por 58 chamadas do pai en cuestión de dúas horas e media . A terceira, por agresión do avó e pai do neno no portal da súa casa. Todas arquivadas.
Cando o neno tiña seis meses, ditáronse as primeiras medidas provisionais, que conceden visitas ao pai nos 15 días de descanso laboral que ten na cidade, pois traballa fóra de Pontevedra. A nai fai referencia a informes que el achegou no xulgado nos que se deduce que ten quendas en semanas alternas e só pode facer cambios de semanas alternas a 15 días cinco veces ao ano. A nai asegura que "xamais cumpriu unha quincena nin informou de cando viña a Pontevedra nin cando marchaba, xa que non estaba obrigado a facelo".
Comezaron case tres anos de "incerteza" e "caos absoluto" na vida de nai e fillo porque nunca sabían cando o pai estaría en Pontevedra, "imposibilitándome organizar a miña vida". Estas dificultades organizativas atribúeas, en especial, a un engadido que se incluíu nunha providencia xudicial sen que ela fose consciente ata que era tarde, no que se lle permitían ao pai visitas "cando estea en Pontevedra". Desta forma, "está cuberto en incumprimentos" e "non avisa nin a dous días vista cando vén ou se marcha".
"O único que fixo desde o embarazo é violentarme , arruinarme, prexudicarme gravosísimamente"
Durante dous veráns continuados, quedou co neno todas as fins de semana, sendo imposible en todo este tempo que chegasen a acordos . O desgaste foi "terrible" e esta muller fala de "terxiversacións, manipulacións, mentiras, ameazas, insultos". Chega a afirmar: "O único que fixo desde o embarazo é violentarme, arruinarme, prexudicarme gravosísimamente" e lamenta que, a pesar de todo, "o xulgado por agora o único que fixo foi darlle o que pide, non foi penalizado a día de hoxe por nada".
En abril de 2022 o pai conseguiu, por mandato xudicial, tamén visitas as fins de semana e nada mellorou. Ademais, neses meses seguintes empezou a sospeitar que lle di que está en Pontevedra a pesar de non estalo e o pequeno queda cos avós e déronse casos de que el leva ao neno ao médico sen comunicarllo ou que lle impediu acudir ás vodas de ouro dos avós maternos.
As críticas tamén van dirixidas ao papel que xogan as institucións implicadas neste caso, desde o Punto de Encontro Familiar aos xulgados, pois en informes e resolucións empezaron a aparecer alusións á suposta síndrome de alienación parental (SAP), unha figura pola que mesmo a ONU pediu contas a España por usalo.
Durante os últimos anos houbo outros problemas como, por exemplo, que o pai "se negou a asinar a escola infantil" que quería a nai, "poñendo problemas durante ano e medio" e, desta forma, "impedindo" a súa conciliación laboral e obrigándoa a ter que facer fronte a uns gastos que calcula en 15.000 euros para contratar a unha persoa que lle permitise conciliar. Lembra todo aquel tempo como unha época na que viviu "facendo palillos para encaixar todo isto nun réxime de visitas diarias a un pai que sempre xeraba problemas".
A situación actual é resultado dunha sentenza de novembro de 2023 aínda en recurso na Audiencia Provincial. Houbo recursos e peticións de aclaracións "non contestadas" e, en aplicación da mesma, desde maio teñen custodia compartida por quincenas. Por sentenza, o pai deberá comunicarlle as quendas á nai "coa maior antelación posible" e ambos poderán realizar chamadas telefónicas ou videochamadas co menor en días alternos e a condición de que non se produciron visitas.
A nai sostén que é "imposible" que a cumpra polas quendas del e lamenta que, a pesar de advertilo no xuízo, non lle fixeron caso. Ademais, indica que, cando o neno está co seu ex, ela non sabe onde viven. Presentou un contrato de alugueiro dunha habitación "para rebaixar a pensión", logo cambiou a dirección a casa dos avós e máis tarde negou que vivise alí. Na actualidade, "négase a comunicar o domicilio".
Durante o mes de agosto, que non é mes de vacacións do pai, debería informar das súas quendas de descanso e a día de hoxe non o fixo e, desde o 17, non sabe nada do neno e non llo entregou cando en teoría debería facelo. A nai, ademais, insiste en que o seu ex "se desvive por manipular para que pareza que si que chama el", evitando así as comunicacións co seu fillo. Mesmo lle impediu acudir a un evento familiar coa nai que previamente lle comunicara.