Unha traballadora da asesoría de empresas Codem sufría feridas leves nas pernas na mañá deste xoves 25 cando se dispoñía a acceder ao edificio no que se encontra a empresa na rúa Santa Clara. Segundo comentaba a propia afectada, a estrutura metálica instalada na entrada ao inmoble con motivo das obras que se acometen na rúa desprazouse e ela perdeu o equilibrio golpeándose os xemelgos e os xeonllos.
Dende a empresa indicaron que se puxeran en contacto co Concello para denunciar esta situación. E é que veciños e comerciantes da rúa continúan reclamando unha solución para o estado de provisionalidade que presentan os traballos de reforma desta zona que, na actualidade, se encontran paralizados á espera de que Patrimonio decida a actuación que se debe desenvolver a raiz da aparición de restos do antigo Camiño de Castela.
Os empresarios mostran pouca confianza en que se cumpran os prognósticos do concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que afirma que se poderá desenvolver a campaña de Nadal sen problemas nesta rúa. Os comerciantes seguen reclamando que se retire material de obra instalado en zonas nas que xa finalizaron os traballos e que se limpe a rúa na que se poden apreciar desperdicios acumulados entre as estruturas metálicas.
Ademais, insisten en que, mentres se manteñen paralizadas a obras na rúa, lévense a cabo as melloras na Praza de José Martí para permitir un mellor acceso peonil.