Unha muller resultou ferida na tarde deste venres nun accidente de tráfico rexistrado na estrada N-542 á altura da parroquia de Marcón. O sinistro resultou especialmente aparatoso, pois consistiu nunha colisión frontal entre dous turismos e ambos sufriron danos, quedando un totalmente esnaquizado.
A pesar do aparatoso do accidente, os danos persoais foron menos graves do inicialmente previsto. A condutora dun dos turismos resultou ferida, en principio, de carácter leve, e o do outro resultou ileso, segundo a información facilitada pola Garda Civil.
A condutora ferida quedou atrapada no interior do vehículo e tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Pontevedra. Tiveron que cortar unha porta do vehículo para acceder á muller que se atopaba atrapada.
Tras ser atendida no lugar do sinistro, foi trasladada ao Hospital Montecelo.
A Garda Civil tivo coñecemento do accidente ás 17.41 horas a través do 112 Galicia e desprazouse ao lugar, confirmando a colisión frontal.
Tamén foron alertados efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Protección Civil, os Bombeiros de Pontevedra e a Policía Local, aínda que estes últimos non chegaron a desprazarse ao accidente.
O accidente produciuse no punto quilométrico 3,800 da estrada N-542, á altura dun negocio de rodas do lugar da Ermida.