Unha muller de 94 anos eleva a 268 os falecementos de persoas positivas por covid na área sanitaria

Pontevedra
06 de abril 2022

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén en seguimento este mércores 6 de abril 1.302 casos activos de coronavirus, con 56 persoas infectadas ingresadas nos hospitais da comarca

Ambulancia diante do servizo de Urxencias de Montecelo
Ambulancia diante do servizo de Urxencias de Montecelo / Mónica Patxot

A cifra de persoas falecidas con positivo activo por covid desde o inicio da pandemia elevouse a 268 na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

O Servizo Galego de Saúde confirmou este mércores 7 de abril a morte dunha muller de 94 anos afectada polo virus e que presentaba patoloxías previas.

Así mesmo o Sergas informa que son 1.302 os casos activos aos que se realiza actualmente seguimento na área pontevedresa, con 56 persoas ingresadas nos hospitais da comarca.

Dos hospitalizados 1 evoluciona na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (44) e o Hospital do Salnés (11).

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 62.150 pacientes de Pontevedra e O Salnés.