A lista de falecidos con covid-19 segue aumentando na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O último balance oficial do Sergas recolle unha nova morte, unha muller de 89 anos que eleva a 252 o total de persoas falecidas cando tiñan o virus.
O último balance, con datos das seis da tarde deste domingo, recolle que se trata dunha muller que tiña patoloxías previas ao diagnóstico por coronavirus.
A última actualización da situación da pandemia revela que non se produciron cambios significativos na situación dos hospitais pontevedreses. Así, hai 94 pacientes ingresados, a mesma cifra que o día anterior.
Cinco pacientes continúan na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, sen cambios con respecto ao día anterior, e hai outros 89 pacientes ingresados en planta de hospitalización: 72 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 16 no Hospital do Salnés.
Este luns hai 4.320 casos activos de covid-19, 310 menos que no último balance, tras detectarse 179 novos positivos nunha xornada e recibir o alta outros 489 pacientes.
Ademais dos 94 hospitalizados, outros 4.226 continúan en illamento no seu domicilio sen síntomas ou con síntomas leves.
Ata o de agora, curáronse na área sanitaria pontevedresa un total de 50.385 pacientes que deron positivo en coronavirus.
Desde o inicio da pandemia realizáronse 395.565 probas PCR, 347 na última xornada. Ademais, realizáronse 224.887probas de antíxenos, 330 na última xornada; e 121.916 test doutra natureza, 148 nas últimas 24 horas.