Unha muller de 85 anos, positivo por Covid, falece no Complexo Hospitalario de Pontevedra

Pontevedra
25 de outubro 2020

Trátase da vítima número 28 asociada coa pandemia na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo informou a última hora deste domingo a Consellería de Sanidade

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

Mala xornada a vivida este domingo 25 de outubro nos hospitais galegos en relación cos pacientes afectados de Covid-19.

Segundo informou a última hora da tarde a Consellería de Sanidade, nas últimas horas faleceron oito persoas en Galicia diagnosticadas de coronavirus.

Unha delas, unha muller de 85 anos, atopábase ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, converténdose no falecemento número 28 asociado ao virus na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia.

Ademais Sanidade informa dos falecementos de cinco homes no Complexo Hospitalario de Ourense, dous deles de 86 anos procedentes de residencias de maiores e o resto de 67, 94 e 78 anos respectivamente.

Por outra banda en centros residenciais morreron un home de 87 anos na Residencia Os Gozos e outro de 75 anos na Domus VI de Oleiros.

Segundo a consellería, todos os falecidos presentaban patoloxía previas.