Unha muller de 38 faleceu na madrugada deste sábado na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio vítima dunha puñalada nun posible caso de violencia de xénero. Ata o momento non hai detidos por estes feitos, pero a Policía Nacional e a Garda Civil teñen establecido un completo operativo de procura para localizar a un sospeitoso, co que tivo unha relación sentimental ata hai uns meses. Estase a investigar se se trata dun caso de violencia machista, pero a Policía non descarta ningunha hipótese.
Os feitos ocorreron, segundo informou a Policía Nacional, sobre as 3.50 horas na rúa da Ponte, á altura do número 4, nas proximidades da ponte romana desta parroquia pontevedresa. A muller apareceu apuñalada ás portas da súa casa, de modo que a súa familia alertou ao 061, pero os sanitarios xa non lograron salvarlle a vida.
Fontes policiais indicaron que varias dotacións desprazáronse ata o lugar e tentan localizar ao presunto autor, un home que, tras o apuñalamento, tería fuxido nun coche propiedade da muller.
A falecida, Conchi R.P., é moi coñecida na parroquia, onde rexentaba cun quiosco na zona da praia da Xunqueira. Dase a circunstancia de que o establecemento sufriu un grave incendio o pasado 16 de outubro e quedou calcinado. Ademais, o pai da falecida tivo aberto durante anos un bar en Ponte Sampaio ao pé da ponte, no baixo da casa onde vivía a muller.
Do caso fíxose cargo o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.