Unha moción en Poio busca rexeitar o depósito de lodos da ría na zona da Illa de Tambo

Poio
27 de marzo 2018

A concelleira non adscrita Silvia Díaz pregúntase que analítica se realizou dos fondos da zona de ocupación do Club Náutico de Pontevedra e que xestións se realizaron na procura de espazos máis idóneos para depositar as extraccións do dragado

Illa de Tambo
Illa de Tambo

Silvia Díaz, a concelleira non adscrita do Concello de Poio, presentará unha moción no próximo pleno municipal na que buscará o acordo dos grupos políticos para rexeitar o depósito de lodos da ría de Pontevedra nas proximidades á Illa de Tambo.

A concelleira indica que o proxecto da Consellería de Medio Ambiente de dragar a desembocadura do río Lérez desde a ponte do Burgo ata o areal dos Praceres supoñerá un movemento de máis de 200.000 metros cúbicos de lodos e areas. Díaz indica que a Xunta quere depositar ese material na parte  suroccidental da Illa de Tambo e que esa decisión podería ter repercusións para o sector marisqueiro e para o ecosistema comprendido entre os  concellos de Poio, Pontevedra e Marín. 

Pide unha analítica previa sobre os fondos da zona do Club Náutico orientada a detectar metais pesados e contaminantes. Ademais, entende que a vertedura dos sedimentos nas proximidades de Tambo incrementaríase a carga sobre eses fondos mariños e teme que as correntes mariñas que circulan entre a Punta Tenlo, Illa de Tambo e Marín arrastrarían os restos cara aos areais dos Praceres, Lourido, A Seca e Chancelas, afectando a zonas de produción marisqueira.

Pregúntase por que se escolle esa zona da ría para os sedimentos cando xa se trata dun espazo de vertedura do emisario da estación depuradora de Praceres. A concelleira quere saber que xestións realizáronse na procura de localizacións máis idónea para depositar as extraccións da dragaxe e que estudos realizáronse sobre as correntes mariñas e arrastres de lodos.