Unha marea humana tomou este domingo as rúas de Santiago de Compostela entre a Alameda e a Praza do Obradoiro na manifestación 'En defensa do noso mar' convocada en resposta á marea de granulados ou pellets que chega á costa galega desde mediados de decembro.
A protesta conta co apoio de 130 colectivos e, a menos dun mes para que as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, a mobilización tamén se converteu nunha protesta política que puxo en cuestión a xestión da Xunta de Galicia desta crise ambiental. Estiveron presentes todos os partidos excepto o PP e Vox.
Así, asistiron a portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón; o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro; a candidata de Sumar Galicia, Marta Lois; a líder de Sumar, Yolanda Díaz; a líder de Podemos, Irene Montero; e a candidata do partido morado en Galicia, Isabel Faraldo.
A protesta encabezárona, na súa pancarta dianteira, un grupo de mariscadoras representando as distintas agrupacións, patróns maiores de confrarías, bateeiros, a plataforma PDRA, PLADEMAR Muros-Noia, ecoloxistas e sindicatos e, xa na praza do Obradoiro, tomou a palabra a actriz Isabel Risco.
A actuación de Zeltia Irevire puxo a nota musical a unha xornada cargada de reivindicación na que as voluntarias Sandra Lorenzo e Sandra González e a presidenta da agrupación de mariscadoras de Carril, María Porto Maneiro, leron o manifesto pactado por todos os colectivos.
Nese manifesto, denunciaron a "indefensión do noso litoral, do noso mar" ante a "marea de granulados tóxicos" que asolagou a costa e que "mostrou unha vez máis como a Xunta de Galicia minimiza os problemas, ignora os datos científicos e non resolve máis que con mentiras e incompetencia".
Ven nesta marea plástica un "Prestige de luva branca cuxos efectos nocivos perdurarán décadas" e consideran que mostra "o fracaso de todo o que se aprendeu hai 20 anos", o fracaso dos sistemas operativos de seguridade marítima, tanto do Salvamento Marítimo, dependente do Estado Español, como do Servizo de Gardacostas, dependente da Xunta de Galicia.
"En defensa do noso mar, mentiras e incompetencia Nunca Máis", gritaron, retomando a mensaxe que resumiu a indignación cidadá tras o desastre do Prestige en 2002.
Ana Pontón sinalou que, con esta protesta, o sector do mar "está a se rebelar contra as mentiras" e lamentou que a Xunta "repetiu" ante esta "catástrofe de marea plástica" o mesmo modus operandi que durante o Prestige: "A ocultación, a mentira, a manipulación, a falta de respecto e a desprotección do medio ambiente".
José Ramón Gómez Besteiro fixo un chamamento para limpar o mar de pellets e de "contaminación de mentiras" e explicou que o PSOE acode a esta convocatoria "á chamada da xente do mar, dos pescadores, mariscadoras, biólogos, ecoloxistas e voluntarios".
Marta Lois criticou a "incompetencia de Rueda e do Partido Popular" e dixo que, tras "14 anos de políticas de deixamento", é tempo xa de "deixar atrás esta etapa negra do Partido Popular en Galicia". Ve nesta manifestación unha convocatoria "pola dignidade de todos os galegos progresistas" e "un berro unánime de protesta polas mentiras, a falta de xestión e a incompetencia política do PP".
Irene Montero criticou o "desastre de xestión" dos responsables do PP na Xunta, aos que ve máis "preocupados de protexer o seu propio partido e os seus intereses que de protexer as costas de Galicia". Isabel Faraldo lembrou que Podemos Galicia foi o primeiro en pedir a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pola súa "incompetencia demostrada durante este desastre".