Unha investigación da Misión Biolóxica permite rexistrar unha uva autóctona de Pontevedra

Pontevedra
21 de outubro 2021

A vide Ratiño Galega deixou de cultivarse a finais do século pasado por diversas enfermidades e pragas, con este fito son varias as adegas que recuperarán os cultivos para comercializar viños elaborados con este tipo de uva típica das comarcas de Pontevedra e O Salnés

Investigadores da Misión Biolóxica que demostraron o carácter único da variedade da vide Ratiño Galega
Investigadores da Misión Biolóxica que demostraron o carácter único da variedade da vide Ratiño Galega / CSIC

A variedade de vide Ratiño Galega, cultivada antigamente na comarca de Pontevedra e nalgúns outros puntos da provincia cos nomes de Cajarrento (O Rosal) ou Branca de Cabanelas (Salnés), ata a súa práctica desaparición por diversas enfermidades e pragas a finais do século XX, acaba de ser inscrita no Rexistro de Variedades Comerciais, tal e como recolle o Boletín Oficial do Estado do 11 de outubro do 2021.

Ata a data, Ratiño Galega non existía legalmente, co que non se podía plantar nin se podían comercializar viños co seu nome.

A inclusión no Rexistro de Variedades Comerciais é un proceso complexo e longo.

Por unha banda, require trámites legais e administrativos nos que interveñen as comunidades autónomas, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Dirección Técnica de Avaliación de Variedades e Laboratorios (DTEVL, INIA-CSIC). Ademais, é necesario que existan estudos e informes científicos que demostren o carácter único da variedade, é dicir, que non se trata dunha sinonimia doutra xa incluída.

A avalar esta cuestión contribuíu o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con máis de tres décadas de investigación acerca desa variedade realizada desde o a Misión Biolóxica de Galicia a través do grupo Viticultura, Oliveira e Rosa.

“Estamos moi satisfeitos con esa esta inscrición, pois varias adegas coas que levamos a cabo proxectos reiteráronnos, en repetidas ocasións, o seu interese por recuperar o cultivo e a comercialización de Ratiño Galega”, sinala Carmen Martínez Rodríguez, xefa do citado grupo.