A tripulación do Burla Negra volveu a navegar polo centro histórico de Pontevedra. Iso si, dez despois do previsto inicialmente. A Boa Vila mostrou este sábado o seu lado máis canalla coa celebración dunha nova edición da súa Noite Pirata.
Benito Soto, o popular pirata da Moureira, enfrontouse un ano máis nunha épica batalla contra franceses e ingleses. Tres grandes embarcacións, acompañadas doutras de pequeno tamaño, percorreron a cidade, facendo as delicias de pequenos e maiores.
Todas elas atopáronse na Praza da Ferrería, onde Benito Soto contou co apoio dos pontevedreses para enfrontarse aos barcos invasores.
A comitiva, integrada pola Asociación Combrus e Troula, contou coa animación das comparsas Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos, Os Canecos, Amoriños de Bora, Olodum do Coio, Vamos a Todo e Equipo Ja.
A vida pirata en Pontevedra foi tamén para os máis pequenos da casa. Desde as cinco da tarde, A Ferrería acolleu unha gran festa infantil, animada por Rivel e varios DJ.
A Noite Pirata foi o último evento do Entroido de Pontevedra, que se despide -xa con Ravachol convertido en cinzas desde hai unha semana -ata o ano que vén.