Unha impresora braille e un bucle magnético mellorarán a accesibilidade da oficina turística de Caldas

Umia
26 de agosto 2022

As oficinas da rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, entre as que se atopa a de Caldas, activarán un novo modelo de atención turística coa utilización dunha impresora braille e un bucle magnético, que permite acceder á información ás persoas con dificultade de audición. Tamén se instalarán novos sistemas dixitais

Instalacións da Oficina de turismo de Caldas de Reis
Instalacións da Oficina de turismo de Caldas de Reis / Visit Rías Baixas - Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra anuncia a incorporación do proxecto "Tourist Inside" á oficina de turismo de Caldas de Reis para mellorar as súas prestacións en materia dixital e en accesibilidade para persoas con distintas capacidades.

Así o anunciaba a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, acompañada polo tenente de alcalde de Caldas, Manuel González, este venres durante a visita realizada ao momento turístico da vila caldense. Alí explicábase que este programa que promove a institución provincial conta con financiamento europeo a través da xestión do goberno estatal.

Unha das novidades céntrase en incorporar elementos accesibles para as persoas con diversidade funcional. Desta forma, está prevista a instalación dunha impresora braille que permitirá que os visitantes con dificultade de visión accedan á información.

Tamén se incorporarán un bucle magnético, unha ferramenta que facilita as distintas informacións turísticas ás persoas con problemas de audición, ademais tamén permitirá que poidan seguir as explicacións durante as visitas guiadas.

Por outra banda, a oficina de turismo caldense aumentará a dixitalización cunha pantalla dixital de 55 polgadas e dúas totems interactivos, que se situarán no interior e no exterior, respectivamente. Estes dispositivos permitirán que os visitantes amplíen a información deas destino Pontevedra provincia a través da interconexión coa rede Info Rías Baixas.

Ademais, instalarase unha tablet para que os turistas realicen enquisas de satisfacción das súas estancias. 13 puntos do municipio de Caldas contarán con balizas electrónicas que emitirán información de interese aos móbiles das persoas visitantes a través do sistema bluetooth de maneira cómoda e rápida.

Esta oficina turística conta coa "Q" de Calidade turística desde hai tres anos, concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).  E no que vai de ano recibiu 1.184 visitas, na súa maioría de nacionalidade española (77,70%), a maioría procedentes de Madrid (33,50%).