Unha imbatible María Ramallo leva ao PP a unha nova e incontestable maioría absoluta

Marín
27 de maio 2019

Por terceiro mandato consecutivo, María Ramallo gobernará Marín con maioría absoluta. Iso si, nunca antes cunha marxe tan ampla con respecto aos seus rivais. O PP logrou unha vitoria incontestable ao alcanzar o 55,55% dos votos. Seus serán quince dos vinte e un concelleiros da corporación marinense

Resultados das municipais en Marín ao 100% escrutado
Resultados das municipais en Marín ao 100% escrutado

Por terceiro mandato consecutivo, María Ramallo gobernará Marín con maioría absoluta. Iso si, nunca antes cunha marxe tan ampla con respecto aos seus rivais. O PP logrou unha vitoria incontestable ao alcanzar o 55,55% dos votos. Seus serán quince dos vinte e un concelleiros da corporación marinense.

A actual alcaldesa logrou, por tanto, catro edís máis dos que tivo este últimos catro anos, tras crecer sete puntos en apoio popular.

O PSOE de Manuel Pazos queda co consolo de que, polo menos, tamén melloraron os seus resultados electorais. Os socialistas sumaron o 20,60% dos votos e terán cinco edís. É un máis dos que lograran nas eleccións de 2015.

O terceiro partido que logra representación no Concello é o BNG, aínda que moito máis reducida que ata agora. Dos tres concelleiros nacionalistas que había en Marín lograron reter só un, o que ostentará a súa candidata Lucía Santos. Foi apoiada polo 7,21% dos marinenses, oito puntos menos que na última cita coas urnas.

Iso si, tres votos máis lle darían o seu segundo concelleiro, á conta dun dos quince que obtivo o PP de María Ramallo.

Sen dúbida, gran parte do apoio perdido polo BNG foi para a formación que xurdiu tras a escisión que os nacionalistas sufriron no último mandato. Ser de Marín, liderados por Miguel Ángel Lema, levou o 4,26% dos votos, insuficientes para acceder á corporación.

Trátase dun resultado moi similar ao que logra Marea de Marín, que cede os seus tres edís, ao perder dous terzos do seu apoio nas urnas en 2015. Sumaron o 4,52% dos votos. Tamén quedan fóra Podemos e Cidadáns, cun 3,77% e un 3,18% de apoios respectivamente.

Arquivado en