Está previsto que o programa Green Campus promova 78 accións no sexto plan de acción deste proxecto que converteu o campus de Pontevedra no primeiro en lograr a bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE).
A situación sanitaria xeral obriga a retomar algúns proxectos que non puideron desenvolverse durante o pasado curso, no que se executaron máis do 50% das accións previstas . Entre as propostas atópase a creación dunha horta ecolóxica que sirva para realizar proxectos académicos e de investigación. Tamén está previsto que se instale unha rede de produción e distribución de calor centrada en biomasa, dentro da aposta polas enerxías renovables por parte da Universidade de Vigo. Esta rede apòrtará calor ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e á de Ciencias da Educación e do Deporte. Esta proposta supoñerá unha rebaixa en emisións de CO2 á atmosfera de 250 toneladas anuais, segundo publica o DUVI.
Carlos Souto, director do Green Campus, alerta tamén de que moitas das actividades previstas para este curso terán que esperar a que o estado das cousas melloren, en referencia, sobre todo, a aquelas que precisen de reunión de diferentes persoas da comunidade universitaria. Pero a intención é acometer todas as accións previstas, así llo expuxo durante a reunión virtual que mantivo con representantes de diferentes centros e servizos universitarios e de colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural e Amizade. Nesta reunión telemática atopábase tamén presente o vicerreitor Jorge Soto e as responsables dos programas Green Campus e Ecoescolas na ADEAC, Ana Pérez e Carmen Fernández.
Entre as iniciativas previstas queren fomentar a compra verde, o comercio xusto e o consumo responsable e a participación, focalizando sobre todo as accións nos apartados de alimentación e de transporte. Está prevista tamén a plantación de frondosas e plantas aromáticas para eliminar especies invasoras.