Integrar o porto, o centro urbano e a praia a través de prazas, espazos peonís e verdes. Ese é o espírito que sobrevoa sobre o proxecto elixido no concurso de ideas convocado para remodelar a zona portuaria de Portonovo e toda a súa contorna.
O xurado, que se reuniu este mércores, seleccionou a proposta presentada por estudo Redondo Valladares e Rodríguez, de Santiago de Compostela, que aposta ademais por potenciar a actividade pesqueira, os deportes náuticos e os usos tradicionais.
O proxecto gañador, que suporía un investimento de case 13,7 millóns de euros, propón crear unha gran praza central, rectificando o vial para afastalo das fachadas en Rafael Picó, cunha zona arborizada e un posible espazo de xogos infantís.
A Praza do Porto, próxima á lonxa, será un punto de reunión de xente relacionada co mar e nela crearase un espazo cuberto e un local para a asociación Amigos da Dorna.
Pola súa banda, habilitarase unha pequena praza arborizada en Boca do Río, que permitirá ampliar a área con prioridade peonil cara á rúa Espiñeiro facendo unha prolongación co parque.
En total, a proposta seleccionada reserva 15.533 metros cadrados para espazos peonís e zonas verdes con arboledo de distintos tipo e mobiliario urbano que saliente a humanización de todos os espazos portuarios.
Outra mostra de espazos humanizados é a creación dun noiro axardinado que minimice o impacto visual e mellore a conexión entre Rúa da Mariña e a nova praza central ou o paseo perimetral proposto sobre o dique que culmina cun mirado sobre o mar.
Para solucionar o problema de aparcamento da vila, o proxecto inclúe un aparcamento subterráneo con 300 prazas dispoñibles nunha soa planta.
Para a actividade pesqueira e usos portuarios, haberá 21.946 metros cadrados.
Proponse a demolición do edificio de departamentos situado na Avenida de Pontevedra para recolocar a súa actividade nun novo edificio encostado ao espaldón do dique de abrigo.
Ademais, a fábrica de xeo actual reformarase deixando un amplo espazo de paso entre esta e a nave de rederas que se situará pegada ao espaldón.
En canto ás actividades náuticas, o proxecto mantén a súa localización actual e suxire crear un pequeno edificio miradoiro con bancadas para acoller a parte administrativa da escola de vela e como solución ao actual problema de movemento de area cara ao paseo.
A sede de piragüismo ampliarase nesta contorna e reforzarase a integración de todos os espazos mediante arboledo, mobiliario e iluminación, a delimitar as áreas de uso portuario, lúdico e deportivo.
Esta actuación, segundo Telmo Martín, "cambiará Portonovo e facilitará o seu progreso turístico e económico". O alcalde, xunto coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, presidiu a reunión do xurado na que se seleccionou o proxecto gañador, cuxos autores recibirán 25.000 euros.