Unha fin de semana na Toxa e O Salnés con filtro de Instagram

Pontevedra
03 de maio 2022

Dez populares  instagrammers pasarán a próxima fin de semana nas Rías Baixas nunha escapada organizada pola incluencer do Grove, Alma Pérez, co obxectivo de promocionar un turismo familiar e desestacionalizado

Reunión de instagrammers en Meis organizada por Alma Pérez
Reunión de instagrammers en Meis organizada por Alma Pérez / Alma Pérez (@treshermanasyunamonovolumen)

A Illa da Toxa será esta fin de semana o centro neurálxico dunha reunión de influencers que percorrerán a comarca do Salnés co obxectivo de posicionar ás Rías Baixas como destino familiar.

Promovido pola instragammer do Grove Alma Pérez (@treshermanasyunamonovolumen) daranse cita na localidade meca outras dez mulleres procedentes de Madrid, Valencia e outras cidades galegas que, entre todas, aglutinan preto de medio millón de seguidores.

Será a segunda vez que Alma organiza unha escapada destas características, xa no mes de outubro reuniu en Meis a un grupo de amigas de redes sociais, moitas estarán esta fin de semana na Toxa, para descubrir o roteiro do Albariño e todos os segredos do interior da comarca do Salnés. Esta vez o plan é descubrir os recunchos favoritos da costa, gozar da gastronomía e navegar polas augas da ría de Pontevedra e Arousa.

"Somos todas nais e o plan é pasar unha fin de semana sen maridos e sen nenos, saír a navegar, descubrir a Toxa...", enumera a organizadora destacando que a misión principal é descubrir a hostalería e o comercio local, así como contribuír a desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas e dar a coñecer ao mundo que a provincia de Pontevedra é moito máis que sol e praia e que fóra dos meses de verán tamén hai moitos plans que facer.

Ao mesmo tempo, non se separará ningunha das participantes do seu teléfono móbil. Durante os tres días que dura a experiencia capturarán todos e cada un dos momentos cos seus cámaras para, ao longo das próximas semanas, compartir o seu contido cos seus seguidores.

O papel de Alma como presciptora de plans vacacionais en familia xurdiu hai tres anos por casualidade. Nas súas redes sociais comezou a compartir as súas escapadas en familia, algo que aos poucos foi xerando interese entre os seus seguidores, que lle pedían consello para organizar as súas viaxes. "En tres anos, debín de enviar máis de 400 correos", explica a influencer que ten elaborada unha guía de viaxe "diferente" para toda a zona do Salnés.

Esta fin de semana, o grupo de influencers reunirase o venres no Gran Hotel da Toja onde se aloxarán durante a fin de semana por cortesía da cadea hostaleira Eurostars. Desde alí percorrerán diferentes lugares de interese turístico, visitarán negocios locais e promocionarán a hostalería grovense e arousá. Entre os seus plans está visitar o illote Areoso e navegar ata a Illa de Arousa.

A expedición está composta por Lola Crespo (@lolaframbuesa), Laura (@oystertrend), Paula Núñez (@paulas.es e @pauyarte), Sara Lúa (@saraluamchef8), Mar Dorrio (@whynottwelve), as viguesas Ana Outomuro (@anaouto) e Andrea Redondo (@andrea_redondo), a valenciana Asperxo Pérez (@soyunamamamolona), a madrileña Marta Ruiz de Azcárate (@cambiandoelfoco) e a ourensá Ana Feijoo (@anapolitan).