Ao ritmo dos acordes da Banda de Música de Pontevedra, a rúa Benito Corbal entrou nunha nova etapa. Lonxe queda xa a súa antiga denominación, Rúa do Progreso, nome que perdeu en 1926. E tamén o seu protagonismo na rede circulatoria da cidade. Desde este venres o tramo final de Benito Corbal, principal eixo comercial de Pontevedra, incorporouse oficialmente á área peonil da cidade.
Nun sinxelo acto de inauguración, ao que acudiron entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e numerosos membros da corporación municipal, entre eles, o portavoz socialista Antón Louro ou algún concelleiro do partido Popular, Benito Corbal estreou o seu novo aspecto. Con el gáñase, sinala o Concello de Pontevedra, "un espazo para a actividade social, comercial e para a veciñanza".
O alcalde mostrouse moi satisfeito co resultado desta peonalización. "ÿ o que se esperaba porque esta rúa estaba pedindo desde hai tempo unha actuación destas características", asegurou. Fernández Lores recoñeceu que, ao principio, esta obra "nos facía dudar" por cuestións relacionadas co tráfico e o acceso aos garaxes, "pero o resultado é espléndido, só hai que ver a masiva presenza de cidadáns na rúa".
Con esta actuación, Benito Corbal terá "unha presión peonil maior da que tiña", algo que segundo o rexedor capitalino "vai na liña de facer unha cidade para os cidadáns e de alta calidade urbana". Con ela o goberno local segue apostando, dixo, polo comercio "urbano e de proximidade", ao axudar a que a cidade sexa "máis atractiva, apetecible e dinámica", convertendo a esta rúa "na portada de entrada comercial ao centro histórico".
En leste mesmo sentido manifestouse o concelleiro responsable destes traballos, Luís Bará. "Ver a rúa chea de xente é a constatación da necesidade desta actuación", afirmou. Unha reforma que non se quedará aquí, senón que se estenderá a rúas próximas como Cruz Gallástegui e Castelao. Non será de inmediato, pero si ao longo de 2014. Darase resposta así, sinalou o edil, aos desexos que transmiten, de forma maioritaria, os veciños e comerciais de ambas zonas.
A obra, na que se investiu preto de 168.000 euros, permitiu peonalizar o treito de Benito Corbal comprendido entre as rúas Sagasta e Daniel de la Sota. Ao atoparse os servizos en bo estado, os traballos limitáronse a elevar o nivel da estrada, creando unha plataforma única que garante o mesmo nivel de accesibilidade. O tratamento do pavimento é de lastro combinado cunhas bandas escuras de hormigón pulido.
Ademais, colocáronse bancos e xardiñeiras con flores que introducen unha nota de cor nesta reforma. Esas xardiñeiras trasladáronse desde outras zonas da cidade nas que sobraban. Para evitar que os coches poidan acceder a este treito agora peatonalizado, o goberno municipal dará orde de colocar bolardos ou xardiñeiras no cruzamento con Sagasta.