No camiño para converter Pontevedra en Capital Española da Gastronomía 2023, o proxecto Pontevedra Capital Gastro continúa a encher o calendario de novos eventos culinarios que permiten poñer en valor o potencial gastronómico da cidade.
A vindeira cita terá lugar coincidindo coas celebracións do Entroido e nace co obxectivo de adozar aínda máis o padal dos pontevedreses: será a primeira Feira das Reposterías e Panaderías de Pontevedra que, enmarcada no xa bautizado como Entroido Gastronómico, daralle especial protagonismo aos doces típicos desas datas.
A iniciativa desenvolverase na Praza de España durante tres xornadas, entre o venres 25 e o domingo 27 de febreiro, en horario de 11:00 a 20:00 horas, e traducirase na instalación dunha creativa carpa en forma de tipi de 200 metros cadrados de superficie cunha decena de postos de venda de madeira que serán ofrecidos de xeito gratuíto ás panaderías e reposterías da cidade.
Tamén se instalarán mesas sen cadeiras para que os asistentes poidan degustar os doces de Entroido no recinto, e haberá unha exposición de materias primas.
A feira foi presentada este venres no obrador de panadería e pastelaría do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o director do centro, Manuel Hermo, e varias representantes do equipo de Pontevedra Capital Gastro.