Unha familia emigrante pontevedresa demanda a Novagalicia Banco 1,5 millóns de euros por preferentes

Pontevedra
29 de xullo 2013

Segundo informou Jaime Concheiro, do bufete Caamaño, Concheiro e Seoane, a familia demandante ten unha "orixe humilde" e percibiron a cantidade investida en preferentes a raíz dunha herdanza

Manifestación de apoio aos afectados polas preferentes
Manifestación de apoio aos afectados polas preferentes /

Unha familia pontevedresa, emigrante en Suíza, presentou unha demanda polas participacións preferentes contra Novagalicia Banco por importe de 1,5 millóns de euros, a cantidade máis alta ata a data en Galicia.

Segundo informou Jaime Concheiro, do bufete Caamaño, Concheiro e Seoane, a familia demandante ten unha "orixe humilde" e percibiron a cantidade investida en preferentes a raíz dunha herdanza.

"Son persoas sen ningún tipo de experiencia previa en investimentos, nin formación específica, titulares de depósitos, cunha relación de confianza cos empregados de NCG Banco que non informan do risco e características dos produtos nos que se invertía", explicou o avogado, Jaime Concheiro.

Segundo este avogado dende o ano 1991, cando aínda vivía en Suíza, a muller foi depositando os seus aforros nunha sucursal de Caixa Galicia en Pontevedra, onde se encontraba a súa "persoa de confianza dentro da entidade bancaria".

No ano 2001, este xestor trasladouse a unha sucursal en Ferrol e a demandante, seguindo as súas indicacións, transferiu tamén as súas contas á devandita sucursal.

Froito dunha herdanza no ano 2004 a muller percibe unha importante cantidade de diñeiro e a partir dese momento, explica o avogado Jaime Concheiro, o labor do xestor de Caixa Galicia "faise especialmente intenso". Foi o propio xestor o que leva á casa da demandante os documentos necesarios para que a familia, que só estivo fisicamente na sucursal nun par de ocasións, asinase os documentos.

A famila insisten en que as únicas instrucións que deron a esta "persoa de confianza" foron que investise en prazos fixos e en produtos de mínimo risco, dixo o letrado.

Segundo argumenta o despacho de avogados, a demandante e os seus fillos "asinaban a posteriori" as ordes de depósito ao residir a demandante en Pontevedra e estar a sucursal en Ferrol, asinaban "sen ver documento ningún antes da contratación" dada "a confianza cega" que tiñan no xestor.

En total, os importes invertidos en preferentes e subordinadas ascenden a 1.518.004 euros.