Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, reuniuse nas últimas horas coa familia de Sara, unha veciña do municipio que precisa dun tratamento logopédico continuado tras recibir un implante coclear binaural para tratar unha hipoacusia profunda de orixe conxénita.
Os pais da menor expresaron a súa preocupación polo constante cambio de logopedas por parte do SERGAS, o que dificulta un seguimento adecuado da evolución de Sara.
Esta situación está a afectar negativamente ao progreso da súa recuperación.
Ante esta problemática, o alcalde Abraldes mostrou o seu total apoio á familia e comprometeuse a trasladar a demanda ao xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, José Flores Arias.
O obxectivo é conseguir que Sara poida contar cun profesional de logopedia estable para garantir a efectividade do seu tratamento.
Unha hipoacusia profunda supón unha diminución da capacidade auditiva superior a 90 decibelios (dB) con impacto na comunicación verbal:
As persoas con esta condición non poden percibir a fala nin os sons ambientais sen axuda.
En menores de idade pode afectar severamente o desenvolvemento da fala e a linguaxe se non se trata axiña de maneira axeitada.
RESPOSTA DA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA
Desde a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés responden que se habilitou desde o 1 de outubro de 2024 un total de 3 consultas máis de Logopedia en quenda de tarde, de luns a venres, no Hospital Montecelo.
Indican que están situadas na zona de Consultas Externas do andar 0 de Montecelo, contiguas á xa existente ata a actualidade, de xeito que son 4 consultas en total.
A estas consultas derívanse os pacientes maiores de 6 anos con problemas de voz (por exemplo disfonías) ou con TEA (Trastorno do Espectro Autista), entre outras patoloxías propias desa disciplina.
No Hospital Provincial de Pontevedra, aclaran, manterase a atención prestada pola área de Logopedia a aquelas nenas e nenos de 0 a 6 anos que precisen tratamento integral por parte da unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil.
Indican que isto supón unificar a área de Logopedia nun mesmo espazo e nun mesmo horario.
Explican, desde a Xerencia, que das tres novas consultas en horario de tarde, dúas xa se prestaban de mañá en Montecelo e a terceira estaba situada no centro de saúde da Parda.
Entre as vantaxes deste cambio, destacan o traballo en equipo (intercomunicación entre profesionais), mellora en canto ao material e á dotación de espazos, e a posibilidade de poder aparcar nas inmediacións do hospital.
Sinalan tamén que unha vez comunicado o cambio a todas as familias, a área sanitaria tento que sigan sendo tratados no Hospital Provincial aqueles menores que non poidan desprazarse a Montecelo.