Cun aparatoso accidente rematou a espectacular persecución policial que protagonizou a primeira hora deste sábado unha patrulla da Policía Local de Pontevedra.
Os axentes observaron sobre as 9:30 horas da mañá a un vehículo, un Peugeot 306, que accedeu a toda velocidade á Avenida de Bos Aires dende Padre Amoedo, polo que procederon a activar as luces do coche patrulla para intentar dalo o alto.
Ao decatarse o condutor deste coche acelerou a marcha dirixíndose á ponte de Santiago, en cuxa rotonda de entrada chegou a derrapar xirando cara á Avenida de Compostela en dirección de saída da cidade.
Segundo explicaron os axentes o perseguido chegou a circular a 130 quilómetrospor hora pola Avenida de Bos Aires.
O condutor tiña o carné retirado e deu positivo por drogas
Xa na Avenida de Compostela unha brusca manobra para intentar despistar a policía na saída cara a Lérez rematou co coche envorcando contra o peche dun terreo.
Por se fose pouco o piloto en cuestión escapou inmediatamente pola xanela do vehículo para internase por terreos particulares e despistar ás forzas de seguridade, que o localizaron máis dunha hora despois na Illa das Esculturas.
Unha vez identificado os axentes combrobaron que o home, nacido no ano 83, non contaba co permiso de circulación en regra ao terlle sido retirado o carné por orde xudicial. Ademais deu positivo no test de drogas por consumo de cocaína.
A Policía Local de Pontevedra trasladou inmediatamente ao xulgado de garda as dilixencias, sendo denunciado por tres presuntos delitos: condución temeraria, baixo o efecto das drogas e facelo sen carné.