Un estudo de opinión elaborado pola empresa Sondaxe para Ence conclúe que o 62,2 por cento da poboación de Pontevedra optaría por manter a súa actividade na súa ubicación actual de Lourizán en caso de ter que tomar unha decisión acerca do futuro da pasteira.
Segundo a información difundida por Ence, a porcentaxe de veciños que apoian a continuidade ascende a 62,9 por cento no caso dos veciños do Concello de Pontevedra e é aínda maior, do 63,3 por cento entre os veciños de Marín.
A enquisa realizouse durante o mes de setembro a través de entrevistas telefónicas e empregou unha mostra de 600 persoas de Marín, Pontevedra e Poio. A empresa defende a importancia do tamaño desta mostra comparando esta enquisa coas enquisas sobre intención de voto realizadas para as Eleccións Xerais, pois empregan unha mostra para toda España de 1.200 persoas e neste caso falaron con 600.
Segundo estes datos, o apoio á fábrica incrementouse nun 52% nos últimos 10 anos, pois nunha enquisa similar, en 2005, o 48% da poboación manifestábase a favor da permanencia. Isto significa que a porcentaxe de detractores tamén se reduciu drásticamente.
O estudo de Sondaxe tamén analiza a percepción de Ence e a súa actividade que teñen os cidadáns e conclúe que o nivel de mellora desa percepción se dispara. Cando se lle pregunta á cidadanía se nos últimos anos mellorou a actitude ambiental da empresa, o 75,1 por cento da poboación responde que si mentres que só o 20,8 por cento opina que non.
A enquisa realizou cruces co voto declarado polos entrevistados. Entre os que votaron ao BNG nas últimas eleccións municipais, o 50,5 por cento cre que Ence debe continuar e o 42,3 por cento que non. Entre os votantes do Partido Popular, a porcentaxe de apoios medra ata o 88,5 por cento e entre os socialistas o 60,5 por cento apostan pola permanencia. Esta cifra descende ata un 35,6 por cento entre os votantes de Marea Pontevedra e dispárase entre os que deron o seu voto a Ciudadanos, chegando ao 87,5 por cento.