A empresa Asfaltos e Construcións ELSAN, filial da construtora do ex ministro Juan Miguel Villar Mir, é a adxudicataria das obras da Rolda Leste de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, informou este luns da adxudicación aprobada pola xunta de goberno celebrada na administración provincial.
Un total de 22 empresas presentáronse ao concurso, aínda que algunhas incorreron en baixas temerarias.
Elsan fíxose co contrato cunha oferta de 1.122.000 euros.
Curiosamente na orde do día tamén figuraba a prórroga do convenio da Deputación co Concello de Pontevedra subscrito en abril de 2013 no que se incluía esta rolda e cuxa vixencia expiraba este ano.
O próximo mes de febreiro arrincarán as obras deste viario que comunicará O Marco con San Amaro, é dicir, a cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo desde a estrada O Pino-Bora (PO-542) no lugar do Marco, substituíndo o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, As Olivas e Ángel Limeses.
O prazo de execución é de 9 meses aínda que César Mosquera sinalou que "é máis importante que quede ben a que se remate pronto".