O turismo sostible e respectuoso coa contorna está a consolidarse como primeira opción para un número crecente de viaxeiros. A sociedade demanda novas maneiras de tomar contacto cos destinos de vacacións. Esta tendencia tamén se impón entre os habitantes destes lugares, que buscan unha forma alternativa de coñecer ou redescubrir paisaxes próximas.
En resposta a estas demandas, dous emprendedores, Manuel Freire e Moha Khazouti, creaban E-Kletta. Unha empresa pioneira en Bueu que promove eco-rutas guiadas en bicicleta eléctrica e alugueiro individual de e-bikes.
A súa proposta para descubrir os recunchos máis especiais da Ría de Pontevedra dunha maneira sostible en bicicleta eléctrica foi beneficiaria da axuda do Plan Social de Ence Pontevedra.
Moha Khazouti, en que consiste o proxecto 'Rutas guiadas en e-bike'?
- O proxecto que presentamos ao Plan Social consiste en facer rutas guiadas en bicicleta eléctrica pola zona de Marín, Pontevedra e Bueu. As dúas rutas que estamos agora desenvolvendo son: a senda azul ata os miradoiros de Marín e outra desde Marín ata o Lago Castiñeiras. O período de realización deste proxecto é dun ano, así que empezaremos cos roteiros a partir de setembro ou outubro.
A cantas persoas vai alcanzar este proxecto?
- A nosa intención é realizar unha ou dúas rutas semanais en grupos de entre 6 e 8 persoas. Estimamos ese número para que sexa un grupo manexable para nós e á vez se poidan levar a cabo as rutas sen ningún tipo de complicacións de tráfico.
En que medida estas rutas promoven a economía local e sostible?
- A nosa sede está en Bueu, onde os picos de traballo para as empresas locais están nos meses de verán. O feito de que podamos ser beneficiarios deste Plan Social, o que nos fai é poder aumentar a nosa frota de bicicletas e coas novas rutas poder seguir coa nosa actividade durante todo o ano. Neste proxecto pódense beneficiar tanto persoas residentes na zona como visitantes ou turistas que queiran coñecer o lugar pero dunha forma sostible e limpa, sen ter que recorrer a vehículos particulares, cos problemas que iso conleva, e que desta forma poidan percorrer as praias, os carreiros, os montes, coñecer a flora da zona… dunha maneira sostible.
Que vantaxes ten para o usuario desprazarse en bicicleta eléctrica?
- Eliximos as bicicletas eléctricas porque con este tipo de medio o esforzo físico non vai ser un problema. As e-bikes teñen diferentes niveis de axuda e a persoa pódeo regular segundo o seu estado físico, ou mesmo anímico, dese día. Por iso todo o grupo vai poder realizar a mesma ruta sen ningún tipo de problema, aínda que sexan de diferentes idades ou diferente condición física.
Que representa para a vosa empresa a axuda do Plan Social de Ence?
- Nós creamos a nosa empresa hai xusto un ano, e o feito de ter este apoio do Plan Social de Ence sen dúbida axudaranos a posicionarnos como empresa e conseguir unha maior visibilidade da nosa actividade. Tamén mostra o compromiso que ten Ence cos emprendedores e empresas da zona que apostan por ideas sostibles para o medio ambiente. Outro feito que quería destacar é que ser beneficiario do Plan Social de Ence achéganos, neste caso, unha fonte de recursos para poder levar a cabo o proxecto no cal queremos recoñecer a diversidade e natureza da nosa zona.