Unha empresa asesorará ao Concello para garantir que as obras municipais cumpren criterios de accesibilidade

Pontevedra
23 de febreiro 2018

A empresa Combina Social asinou un contrato de servizos por un importe de 18.000 euros. Supón un paso máis nunha colaboración que ambas as entidades manteñen desde hai 18 anos a raíz do asesoramento altruísta que a entidade social realizaba á administración local en moitas obras 

Alvaro García, Miguel Anxo Fernández Lores e Luisa Miranda
Alvaro García, Miguel Anxo Fernández Lores e Luisa Miranda / COGAMI

A empresa Combina Social, participada ao 100% pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) prestará a partir de agora asistencia técnica ao Concello de Pontevedra en todas as obras que acometa a partir das próximas semanas. 

O servizo deuse a coñecer este venres tras a firma dun acordo entre a empresa e o Concello. Trátase, en concreto, dun contrato de servizos por un importe de 18.000 euros do que o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou que "non ten duración no tempo, nin numero de obras", senón que se irá concretando en función dos servizos que se vaian utilizando. 

Coincidindo coa firma do acordo, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión co tesoureiro e responsable de da área de accesibilidade de Cogami Pontevedra, Álvaro García, e coa técnica en accesibilidade Luisa Miranda. Tras a mesma, explicaron que este contrato supón un paso máis nunha colaboración que ambas as entidades manteñen desde hai 18 anos a raíz do asesoramento altruísta que a entidade social realizaba á administración local en moitas obras. 

O alcalde explicou respecto diso que este acordo e o contrato de servizos supoñen "un paso cualitativo e cuantitativo porque son moitas obras de mellora da accesibilidade" e permitirá "que Pontevedra siga sendo ou sexa no futuro un referente mundial de accesibilidade e de recuperación do espazo publico para as persoas sen distinción das súas capacidades"

Álvaro García lembrou que o Concello de Pontevedra foi recoñecido no 25 aniversario de Cogame como unha cidade que contempla o deseño para todos as persoas e como unha administración que sempre ten as portas abertas para as entidades das persoas con discapacidade para escoitar as súas recomendacións. Este contrato é unha continuidade dese traballo, de modo que lle agradecen que siga contando con técnicos que levan máis de 11 anos traballando no asesoramento en materia de accesibilidade e participación social das persoas con discapacidade. 

O traballo de de Combina Social implicará dar asesoramento ao Concello para que cumpra a normativa, pero tamén irá un pouco máis aló para incorporar ao deseño das novas obras municipais a experiencia de persoas con discapacidade para que "se poida mellorar no posible a funcionalidade de todas esas obras, que poidan ser utilizadas por calquera persoa en calquera momento".

Luisa Miranda destacou que "Pontevedra é unha cidade que en temas de accesbilidade é un exemplo a seguir, pero todo se pode mellorar" e aí estará o papel da empresa, que axudará durante o deseño dos proxectos e a súa execución e tamén achegará informes posteriores.