Trala denuncia pública feita pola asociación AMIZADE hai varias semanas rexeitando que se limite o tempo de uso das prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, agora súmanse outra ducia de entidades que tamén ven con "preocupación" a posibilidade de "limitar as opcións de inclusión social e laboral das persoas con mobilidade reducida".
Ademais do posicionamento critico manifestado xa pola Confederación Galega de Persoas con discapacidade (COGAMI), outras cinco asociacións pontevedresas solicitan que o Concello se replantexe a súa postura e manteña contacto coas entidades representativas de cara a "conseguir unha mellor ordenanza para todas as persoas". Son as entidades XUNTOS, AFAPO, XOGA, Asociación ALBA, e a Asociación Boa Vida.
A maiores, outras sete entidades galegas de persoas con discapacidade tamén transmitiron o seu rexeitamento a que se poida limitar o tempo de uso destas prazas. Son as entidades ACADAR, AGORA, GRUMICO, ÍNTEGRO, AMBAR, AGL, AIXIÑA.
Todas estas asociacións consideran necesario retomar o diálogo de cara a acordar a "suspensión da posta en práctica desta medida discriminatoria". E no suposto caso de que o procedemento administrativo dificulte a modificación da ordenanza neste punto do proceso, entenden que "toda ordenanza pode ser modificada a posteriori da súa aprobación", polo que reclaman ao Concello o seu compromiso de proceder a esa modificación antes de que remate o presente ano.
Estes colectivos din ser conscientes do "compromiso do Concello de Pontevedra en cuestións de accesibilidade universal" polo que agardan que se produza esa "reflexión no seo do Goberno municipal" e que o resultado do diálogo coas entidades locais dea os seus froitos.