Unha nova operación antidroga despregada por axentes da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional deixou polo menos doce persoas detidas na comarca pontevedresa do Salnés.
Fontes policiais confirmaron que a operación tivo tres fases nos últimos meses e en total deixou 12 detidos. A última realizouse este martes e deixou tres detidos, que se suman aos nove anteriores.
Este martes a actuación policial comezou de madrugada e durante toda a mañá realizáronse rexistros en naves e domicilios das localidades de Meis, Meaño, Sanxenxo e Ribadumia.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou que existe unha operación en marcha, aínda que descartou facilitar máis detalles.
Outras fontes consultadas apuntan a que está relacionada co tráfico de heroína. Segundo puido saber este xornal, trátase dunha operación que é continuación de ramificacións pendentes noutras operacións anteriores da Policía Nacional, isto é, desas dúas fases previas.
Esas operacións anteriores tiñan impacto en Galicia -na zona do Salnés- e tamén en Portugal.