Unha dotación de bombeiros de Pontevedra con dous camións saiu na tarde deste domingo cara Vigo para axudar ao combate contra o lume.
Segundo informaron fontes oficiais do goberno local, foron os Bombeiros de Pontevedra os que contactaron cos de Vigo para coñecer a situación e ofrecer a súa colaboración xa que ninguén, ata esa hora -as seis e media da tarde-, tiña requerido dende Emerxencias de Galicia a súa axuda.
Está preavisada a quenda das dez da noite e a que queda no parque para seguir colaborando e sair ao reforzo onde lles digan.
O servizo municipal de Bombeiros de Pontevedra está en prealerta para dar apoio ao combate contra a vaga de lumes forestais que está a asolar a provincia.
A Concellería de Protección Cidadá, que dirixe Carme da Silva, informa que desde esta mañá a dotación de bombeiros da capital está lista para atender calquera requirimento, para prestar calquera tipo de apoio que sexa preciso. Se elo ocorre os membros dunha segunda dotación están en situación de prealerta, localizados, co fin de que se incorporen de inmediato ao servizo.
Os servizos de emerxencia de Pontevedra -Bombeiros, Policía Local, brigadas municipais e empresas de servizos- están tamén en prealerta polo aviso de posibles adversos de vento e chuvia vencellados ao furacán Ofelia que se agardan para a próxima madrugada.