Unha disputa na praza da Ferrería entre dúas persoas sen teito das que habitualmente se concentran nesta zona saldouse este luns con dúas detencións.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra, os dous encerelláronse nunha pelexa na que se agrediron e lesionaron mutuamente.
Os feitos ocorreron pasadas as catro da tarde. Na disputa utilizaron un obxecto alongado, co que se golpearon e ambos resultaron feridos. Segundo as primeiras informacións, puido ser unha barra de ferro, aínda que algunhas testemuñas afirman a posibilidade de que sexa unha especie de estaca doutro material.
Os dous implicados sufriron contusións e polo menos un tivo unha ferida na cabeza pola que precisou puntos de sutura para a súa curación.
Ata o lugar desprazáronse varias patrullas das policías Local e Nacional de Pontevedra. Os primeiros en chegar foron os axentes municipais, que se fixeron cargo da intervención, aínda que todos os funcionarios policiais actuaron e, segundo testemuñas presenciais, prohibiron o paso de persoas pola zona dos Soportais durante o tempo que durou a actuación.
Tamén se desprazou unha ambulancia, que procedeu ao traslado dos feridos ao Hospital Montecelo. Segundo fontes policiais, tras recibir asistencia, os dous foron trasladados á Comisaría da Policía Nacional, xa en condición de detidos. Alí tomaráselles declaración.