Mentres os veciños de Verducido de Xeve (Pontevedra) celebraban a festa de San Brais o pasado sábado 3 de febreiro, en casa de Noemi Santiago vivíase a preocupación de non saber onde estaba o seu can, de nome Café.
Segundo relata, dende primeira hora da mañá o ruído dos fogos de artificio era atronador, tanto a tirada da festa como a pirotecnia e petardos que, como é costume, lanzábanse dende casas particulares.
Café, Lea, Ronny, Turín e Hanna, os cinco cans que conviven na leira familiar, atopábanse nerviosos. Os dous últimos, de maior tamaño, refuxiáronse asustados na casa. O resto seguían corricando polo terreo exterior.
Noemi non sabe determinar o momento exacto en que Café escapou, pero si ten a certeza de que ás "dez e cuarto xa non estaba". Alarmada, preguntou aos demais membros da familia. Só a avoa acertou a dicir que cando abriu o enreixado para ir recoller leña viu ao can saír. Como a leira ten unha parte que non está valada, pensaba que volvería entrar e non lle deu importancia.
Con todo, a historia de Café facíalle a Noemi presaxiar que talvez non lle resultase tan fácil atopar o camiño de regreso. Os seus primeiros 6 anos viviunos coa bisavoa de Noemi en Forcarei e, hai tan só 4 meses, cando faleceu a anciá, chegou ao seu novo fogar en Verducido. "En Forcarei campaba ás súas anchas, estaba afeito ir ás casas dos veciños e sempre volvía, pero aquí aínda non está habituado á zona". Por iso, temendo que o can se desorientase, e confiando en que non estivese moi lonxe, Noemi buscouno polos camiños e leiras próximas. Tras unha primeira exploración infrutuosa, iniciou a procura por estrada en coche, acompañada do seu primo.
Xa o domingo, desesperada, unha amiga recoméndalle que faga unha publicación e a comparta coas diferentes protectoras de animais. Unha moza a chama ao teléfono do anuncio e coméntalle que o mesmo sábado, sobre as 13:00 horas, viuno xunto á Igrexa de Alba, que se deixou acariñar, pero que ao momento fuxiu do lugar.
Facendo cálculos, a igrexa de Alba atópase a uns seis quilómetros da súa casa. Sospeitan que Café camiñou atravesando o monte, pero alármalles pensar que para chegar ata ese punto tivese que cruzar a estrada nacional 550.
No medio da incerteza, o luns, a última hora da tarde, unha cidadá comenta na publicación de Facebook compartida pola asociación "Os Palleiros" que Café é o can que ela mesma lles deixou no mercadiño que organizaron o sábado, que mesmo a descrición do colar (vermello e con sistema antipulgas) coincide. Por que se tiña chip non se axilizou a comunicación coa súa dona? Porque, segundo relata a "rescatadora", a lectura do chip por parte da Policía Local deu erro. Tras esta publicación, cando xa pasaran 60 horas dende a desaparición de Café, a protectora pónse en contacto con Noemi e ao día seguinte recólleo na sede de Campañó.
En que estado se atopaba Café despois da súa escapada? Noemi confirma que fisicamente o atopou ben, que mesmo lle sorprendeu que camiñase tantos quilómetros coa pata recentemente operada. Con todo, nótao moi nervioso.
Tras o susto, Noemi non quere arriscarse a volver perder a Café se se repite unha nova tirada de pirotecnia. En primeiro lugar, vai poñerlle unha chapa co seu nome e un teléfono de contacto. En segundo, está á espera de que lle chegue un pedido en liña dun GPS para cans, que se incorpora ao colar e permitiríalle localizalo en todo momento. "É o produto do ano máis vendido en Amazon", afirma Noemi cun sorriso, á vez que se pon seria para admitir que o medo e a tristeza dos últimos días non llos desexa a ninguén.
CAMPAÑA DENDE PONTEVEDRA
Este suceso revela a necesidade de que as autoridades regulen o ruído da pirotecnia. Precisamente, dende Pontevedra, está a impulsarse unha campaña na plataforma Change.org para pedir "ás administracións responsables en materia animal que consideren a pirotecnia ruidosa como un tipo de malos tratos e se permita soamente a luminosa". Lembra a promotora da mesma, Beatriz Suárez-Vence, que a contaminación acústica, ademais dos danos os cans, tamén causa graves alteracións a persoas con autismo ou as que sofren de hiperacusia, por exemplo.
Esta iniciativa leva algo máis de dous anos de traxectoria e xa sumou 8.248 sinaturas. O obxectivo é chegar ás 10.000, polo que a súa creadora anima a todas aquelas persoas sensibilizadas que acheguen a súa rúbrica en liña na plataforma. Paralelamente, foi recompilando adhesións en formato papel, asumindo todos os custos e desprazándose a diferentes lugares de Pontevedra, Poio e Marín para depositar as follas.
En papel calcula que se achegarán ás 600, xa que está pendente de recollelas en algúns establecementos. Esta pontevedresa lamenta que nos últimos meses a campaña está parada porque a asume en solitario e outras situacións persoais veñen de reclamar a súa atención.
O que necesitaría nestes momentos é asesoramento para ver a maneira de facer chegar estas sinaturas ás autoridades correspondentes, a través dunha iniciativa lexislativa popular ou por outra vía. Non pide imposibles, xa que, segundo nos achega, unha noticia publicada o 3 de xaneiro deste mesmo ano recolle unha listaxe de cidades españolas que prohibiron a pirotecnia para protexer aos animais.
CIDADES QUE APOIAN A PIROTECNIA SILENCIOSA
A web La Zona Veggie informa no mencionado artigo que en Cáceres e Torremolinos a pirotecnia está prohibida para protexer á poboación vulnerable e mascotas. Noutras localidades como Badaxoz, Mérida e Plasencia establecéronse restricións no seu uso.
En Cataluña, Barcelona limita a prohibición da pirotecnia ás zonas verdes, aínda que, do mesmo xeito que Terrassa e Vic, recomendou non lanzar fogos artificiais a pasada Noitevella.
Tanto en Madrid como en Irún é necesario dispoñer dunha autorización para detonar petardos, mentres que en Sevilla está prohibido lanzar fogos artificiais na vía pública, coa excepción dos días de Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo.
Fóra das nosas fronteiras, Praga prohibiu nas celebracións de Noitevella a pirotecnia, para protexer ás aves que hibernan na zona do río Moldava; en Alemaña, unha trintena de cidades prohibiron ou limitaron os fogos artificiais, tanto polo benestar animal como para reducir a contaminación acústica; e o pasado mes de decembro o Parlamento uruguaio aprobaba un proxecto de lei que busca prohibir a pirotecnia ruidosa, en resposta ás demandas de grupos vinculados principalmente a persoas con trastorno do espectro autista e a defensoras dos animais.